Comunicado do Sindicato de Estudantes Galiza

En 1995, o Sindicato de Estudantes tivo que convocar unha manifestación que rematou na porta principal de Navantia para conseguir que a empresa pública permitise que os estudantes de FP puidesen facer as prácticas nas súas instalacións, cousa á que ata ese momento se negaba.

O único que impediu que o Sindicato de Estudantes convocase a finais do ano pasado unha nova manifestación con remate no mesmo sitio foi esta situación de pandemia. Por nada máis, porque o que está a facer Navantia nas convocatorias das prazas de ingreso é de xulgado de garda.

Por tanto, o Sindicato de Estudantes alégrase de que o sindicato CGT (Confederación Xeral do Traballo) estea convocando unha CONCENTRACIÓN para o MÉRCORES 20 ás 10:00 DA MAÑÁ diante da PORTA PRINCIPAL DE NAVANTIA-FERROL en protesta polas irregularidades que se están a producir e en demanda duns procesos de ingreso obxectivos, transparentes e xustos.
Todo o mundo sabe que Navantia e a función pública son as únicas posibilidades para que a xente nova atopemos un emprego digno en Ferrolterra; o resto das opcións significan a precariedade e a explotación laboral.

Pero Navantia, malia ser unha empresa pública, actúa arbitrariamente e con desprezo polas persoas que se inscriben nas súas convocatorias: falta total de información, prazos dilatadísimos que non se poden xustificar coa pandemia, discriminacións, violación das bases...

Por todos estes motivos, o Sindicato de Estudantes apoia a concentración convocada pola CGT e chama a acudir á mesma.

OBREIROS E ESTUDANTES, UNIDOS E ADIANTE!