A CIG convocou folga xeral en Galiza para o vindeiro xoves 27 de xaneiro en contra do intento por parte do Goberno central de atrasar a idade de xubilación até os 67 anos e do resto de medidas antiobreiras xa aplicadas. O Sindicato de Estudantes apoia completamente esta convocatoria e convoca folga xeral nos centros de estudo do país para ese día.

Nun contexto de paro xuvenil masivo, co mercado laboral completamente bloqueado para millóns de mozos en todo o Estado, o Goberno pretende atrasar  até os 67 a idade de xubilación. Esta medida, ademais de supor un suplicio para os traballadores de máis idade e empobrecer aos xubilados, incrementará o desemprego xuvenil.

O único obxectivo que persegue o Goberno con esta medida é aforrar diñeiro en pensións. A súa forma de actuar resúmese nisto: recortar gastos sociais para entregalo a mancheas á banca e os grandes capitalistas.

Á vez que o goberno puxo a disposición dos banqueiros 150.000 millóns de euros (diñeiro obtido dos impostos aos traballadores), recortou un 5% o soldo aos empregados públicos, abaratou o despedimento a través da reforma laboral, recortou o gasto educativo, conxelou as pensións e eliminou o subsidio de 426 euros aos desempregados que esgotaron a prestación. E agora pretende que traballemos até os 67 anos.

A batería de ataques salvaxes do goberno require dunha resposta sindical masiva.

Desgraciadamente, tras o éxito da folga xeral do 29 de setembro, os dirixentes de CC.OO e UXT volveron á nefasta política de pactos e consensos cos empresarios e o Goberno, desaproveitando a oportunidade de levantar un movemento social de masas que fixese fronte aos ataques.
CC.OO e UXT aseguraron que se o Goberno atrasaba a idade de xubilación, convocarían unha nova Folga xeral. O goberno vai atrasala e con todo, os sindicatos meteron no conxelador a súa proposta de folga xeral. Neste momento, están totalmente entrampados nunha negociación absurda co Goberno, que non vai servir mais que para que os dirixentes sindicais avalen o ataque máis grave ao movemento obreiro  dos últimos 35 anos.

Desde o Sindicato de Estudantes queremos manifestar o noso máis absoluto rexeitamento a esta táctica sindical que debilita e desarma aos traballadores. Os dirixentes de CC.OO e UXT deben levantarse de inmediato da mesa de negociación, convocar folga xeral en todo o Estado e deixar moi claro que non haberá ningunha negociación máis ata que o goberno retire completamente a súa proposta de atraso da idade de xubilación, retire a reforma laboral e poña en marcha un plan para crear emprego.

A Folga do 27 de xaneiro é un paso adiante. Agora hai que pór toda a carne no asador para garantir o seu éxito. Para iso é imprescindible organizar asembleas masivas, propaganda en todas as fábricas e empresas. A CIG debería dirixirse enerxicamente e de forma compañeira á base de CC.OO e UXT, en cada empresa, para animarlles a que secunden esta folga e que presionen á dirección dos seus sindicatos para romper co prexudicial intento de chegar a un “Pacto Social”. Decenas de miles de traballadores afiliados a estes sindicatos simpatizan claramente coa idea de que é necesario loitar de forma masiva e decidida para frear esta brutal agresión É necesario chegar a eles, sen sectarismos e con argumentos, e loitar conxuntamente.

Hai que involucrar ao conxunto dos traballadores, formando comités de loita en cada empresa, que popularicen a folga e que organicen asembleas para informar e votar.
Desde o Sindicato de Estudantes pómonos a disposición da CIG para realizar un plan conxunto de asembleas de profesores e estudantes para dar a coñecer a convocatoria e votala.