Cartel · Folla · Comunicación oficial

Stop suicidios!

Contra a destrución da educación pública!

Millóns de mozas e mozos sufrimos unha epidemia de enfermidades mentais sen precedentes. Os trastornos de ansiedade e de conduta alimentaria, as depresións, unha taxa de suicidios insoportable (que alcanza unha media de 11 diarios), o elevadísimo consumo de psicofármacos… supoñen unha agresión inaceptable contra a mocidade.

Esta pandemia silenciosa é unha lacra social derivada dun sistema capitalista que nos nega a posibilidade ter unha vida digna. O paro, a precariedade, os prezos da vivenda, un ensino público baixo ataque e que alimenta o fracaso escolar… teñen un efecto gravísimo sobre a nosa saúde mental e a das nosas familias.

A todo iso hai que sumar unha sanidade pública desbordada e sometida a recortes infames. Recibir atención psicolóxica nos hospitais públicos converteuse nunha carreira de obstáculos, con listas de espera eternas e centros sen suficientes profesionais en saúde mental. Perante este colapso, quérennos obrigar a desembolsar miles de euros en consultas privadas, para que grandes empresas se enriquezan á costa do noso sufrimento.

A saúde mental non pode ser un privilexio. Por un plan de choque urxente!

Tódolos días escoitamos discursos lacrimóxenos e promesas que quedan en nada. O Goberno e as Comunidades Autónomas falan moito da educación pública e da saúde mental, pero logo dedican a esta emerxencia social a miseria de 100 millóns para liquidar un problema que esixe miles.

O noso futuro e as nosas vidas están en xogo. Non podemos continuar así. Por iso, desde o Sindicato de Estudantes chamamos a toda a mocidade á folga xeral estudantil o 27 de outubro e a participar masivamente nas manifestacións que organizaremos ás 12h. Só loitando, co apoio do noso profesorado e das nosas familias, levantaremos un gran movemento social para que se tomen tódalas medidas que precisamos para protexer a nosa saúde mental e defender a educación pública.

  1. Aumento drástico dos recursos en saúde mental para chegar, polo menos, ao 15% do gasto total en saúde (actualmente é do 5%). Creación de miles de prazas de psicoloxía e psiquiatría na atención primaria, nos hospitais e nos colexios, institutos e facultades públicas. Por unha educación sexual, emocional e de prevención de suicidios como parte dos plans de estudo.
  1. Educación pública 100% gratuíta dende Infantil ata a Universidade. Gratuidade total dos libros de texto. Supresión das taxas académicas na FP e na Universidade. Plan de investimento do 7% do PIB. Nin un euro para a privada-concertada!
  1. Por un posto de traballo digno ao rematar os estudos ou subsidio de desemprego para tódalas mozas e mozos. Non é posible ter unha boa saúde mental con salarios de miseria e contratos que nos impiden ter vida social.
  1. Nacionalización da sanidade privada e da industria farmacéutica. A saúde non pode continuar a ser un privilexio de clase nin un negocio, deben estar ao servizo das necesidades sociais.

Concentracións

Vigo · 12 Farola Urzáiz

A Coruña · 12h Obelisco

Ferrol · 12h Edificio Xunta