Polo dereito a unha educación pública presencial, de calidade e con aulas seguras!
Por un plan de investimento masivo para a contratación de profesorado, a redución de cocientes e a fin da fenda dixital!
O curso escolar 2020-2021 iníciase no medio do caos e coa ausencia dun plan efectivo para garantir o noso dereito a unha educación pública presencial, de calidade e con aulas seguras.
A desidia mostrada polo Ministerio de Educación, e a súa negativa a poñer en marcha un plan unificado para rescatar a educación pública investindo recursos masivos, é un completo escándalo. A Ministra, Isabel Celaá, tivo meses para preparar unha volta ás aulas en condicións dignas pero non fixo nada. E non o fixo porque non queren aumentar os orzamentos para a educación pública, o que contrasta cos miles de millóns que reciben as grandes empresas e bancos do Ibex 35 ou a educación privada concertada.
Con esta actitude, o Ministerio de Educación alimenta a fenda social e de clase que durante a pandemia non deixou de medrar, favorece a degradación do ensino público e sementa un fracaso escolar maior entre os estudantes de familias traballadoras. Non podemos consentir esta situación! O PSOE- UP e deben rectificar inmediatamente a súa política educativa e poñer fin aos ataques contra ensino público.
Despois de ter que soportar durante meses unha noxenta campaña acusando á mocidade dos gromos da COVID 19, arróxasenos ás aulas sen ningún plan e en pleno auxe da pandemia. Unha situación na que non só está en cuestión o dereito á educación para miles e miles de estudantes de familias humildes senón tamén se pon en perigo a nosa saúde e a dos nosos. É inaceptable!
De novo unha solución que non resolve nada: as clases online
Cando millóns de estudantes levamos meses sen pisar os nosos centros de estudo, a “solución” do Ministerio de Educación é que… o curso sexa semipresencial! É dicir, repetir o desastre que significaron as clases online para centenares de millleiros de alumnos durante o confinamento.
As clases telemáticas non só deixaron ao descuberto as graves carencias materiais que padecemos tras anos de recortes salvaxes, tamén incrementaron brutalmente a carga de traballo dos nosos profesores —abandonados á súa sorte durante meses, sen os recursos nin a formación necesaria para poder afrontar unha situación imposible—. Ademais, unha nova volta ao confinamento para millóns de alumnos significará un pesadelo para os pais e nais que teñen que escoller entre coidar aos seus fillos ou ir traballar. O Goberno fala moito de conciliación. Por que non aproba permisos retribuídos aos pais e nais para garantila?
Un Goberno de esquerdas debería poñer en marcha inmediatamente un plan de rescate á educación pública para reverter esta situación pero ata o de agora renunciaron a iso deixando na cuneta ás familias traballadoras, as máis castigadas pola COVID19. Teñen que rectificar de inmediato!
A ofensiva da dereita e a propaganda do Goberno de Feijóo
A ineficacia amosada polo Goberno central está a asfaltar o camiño e afoutando a ofensiva da dereita que, onde goberna, está a aproveitar esta situación para seguir regalando diñeiro público aos seus amigos os empresarios da concertada e a privada e para continuar recortando nos servizos públicos. As políticas de Díaz Ayuso á fronte da Comunidade de Madrid son un claro exemplo diso, mais non o único.
En Galiza, a Xunta de Feijóo está a protagonizar unha campaña de mentiras e propaganda nos medios de comunicación anunciando a contratación de 1.000 docentes e a baixada das cocientes. Non só non se recuperarán os máis de 2.500 profesores que foron despedidos nos últimos anos senón que, segundo informa CIG- Ensino, só se contratarán 270 profesores a tempo parcial, 250 mestres e as cocientes... quedarán igual que como estaban o ano pasado! É evidente que este plan queda moi lonxe do minimamente necesario para comezar de xeito seguro o curso. Ademais, a día de hoxe, aínda non existe un protocolo pechado sobre a volta a clase e anunciouse que será presentado o día 7 de setembro, só tres días antes de que os alumnos de Infantil e Primaria volvan ás aulas!
Feijóo xa amosou dabondo o pouco que lle importa o futuro e a saúde dos estudantes, os profesores e as nosas familias. A marca do PP galego, por moito que traten de presentarse como “a dereita moderada”, é a mesma que a da dereita a nivel estatal: privatización, recortes e precariedade laboral, unha receita aplicada tanto no ensino como na sanidade públicas.
Por iso, dende o Sindicato de Estudantes participaremos nas accións organizadas polos sindicatos CIG, CCOO, STEG… Para os días 10 e 16 de setembro convocamos unha gran folga xeral de profesores e estudantes que paralizará o ensino público galego, dando así comezo a unha folga estudantil de 72h.
16 de setembro folga xeral de estudantes e profesores, 17 e 18 folga xeral estudantil. A loita é o único camiño!
A comunidade educativa galega non vai quedar de brazos cruzados mentres o noso futuro e o noso dereito ao estudo están en xogo. Dende o Sindicato de Estudantes chamamos a todos os estudantes á folga xeral estudantil os días 16, 17 e 18 de setembro e a participar activamente en todas as mobilizacións convocadas, xunto aos nosos profesores e familias, para lograr as seguintes reivindicacións.
1. Investimento do 7% do PIB no ensino público. Aprobación dunha partida de 100.000 millóns de euros –a mesma cantidade que se entregou ás grandes empresas e bancos do Ibex35– para rescatar a educación pública. Se hai cartos para os bancos, tenos que haber para o ensino público.
2. Educación presencial! Para que todos e todas poidamos volver ás aulas en condicións dignas e de seguridade: redución das cocientes a 15 alumnos por aula. Posta en marcha dun plan de construción de centros educativos públicos e habilitación de edificios e espazos para garantir estas medidas.
3. Contratación de 165.000 profesores en todo o Estado que, segundo datos de CCOO, son os necesarios para afrontar este curso garantindo unha atención máis individualizada (un 33% máis).
4. Contratación de persoal sanitario, profesionais da psicoloxía, traballadores dos comedores e de limpeza en todos os centros educativos públicos. En defensa de todos os empregos incorporándoos aos persoais públicos con todos os dereitos laborais.
5. Por un servizo público e seguro de transporte escolar. Creación dun servizo público, eficiente, gratuito e de calidade de transporte para o estudantado que garanta a seguridade. Abonda xa de regalar diñeiro público ás grandes compañías de transportes.
6. O Goberno debe garantir a provisión de máscaras, luvas, xeles desinfectantes… e todos os materiais sanitarios necesarios nos centros educativos.
7. Fin da fenda dixital. Repartición masiva de dispositivos dixitais, así como cursos de formación dixital gratuítos para profesorado, familias e alumnado.
8. Que o Goberno garanta permisos retribuídos aos nosos pais e nais para asegurar a conciliación familiar.
17 de setembro CONCENTRACIÓNS en cada cidade respectando todas as medidas sanitarias de seguridade
Ferrol: 12h Praza España (edificio xunta)
Ourense: 12h Subdelegación do Goberno
Vigo: 12h Farola de Urzáiz