O sur de Galicia sufriu unha onda de incendios devastadora. Os que tivemos que enfrontarnos ás súas consecuencias e loitar contra as lapas, nunca o esqueceremos. E sempre recordaremos que a loita contra o lume foi, na meirande parte dos casos, levada a cabo de forma heroica polos veciños. O Estado non existiu. Unha vez máis, foi o pobo quen salvou ao pobo.

Que en Vigo, non nunha inaccesible aldea, senón na maior cidade galega, tiveran que ser os veciños quen se enfrontasen e sufocasen as lapas, mostra a total bancarrota da política antiincendios da Xunta e o Estado. Para esmagar ao pobo de Catalunya, mobilizan todos os efectivos que sexan precisos. Para salvar ao pobo das lapas, déixannos sós.

 Terrorismo incendiario?

Feijoo e Rajoy aseguraron ata a saciedade, que o ocorrido en Galicia é obra de individuos infames que buscaron facer o máximo dano e dedicáronse a percorrer o país pegando lume ao monte. Pero isto é unha burda mentira coa que intentan demostrar que eles non son culpables de nada.
As evidencias desmenten toda esa teoría. Tanto a policía autonómica como os enxeñeiros forestais teñen claro que neste caso o que está detrás do xurdimento repentino de centos de lumes en cidades e aldeas é a combinación de vento afuracanado, capaz de transportar ata dous quilómetros follas e cortiza en chamas, e un chan extremadamente seco. A fiscalía superior de Galicia afirma que máis do 90% dos lumes orixínanse por imprudencias (queima de restrollos, cabichas…)

En realidade, Galicia arde debido a unha política económica e forestal destinada a satisfacer os intereses dos grandes capitalistas. Estes son algúns dos motivos.

1-As fábricas de ENCE e FINSA queren árbores de rápido crecemento e a Xunta do PP, non dubidou en subvencionar durante anos a plantación de eucalipto, que seca o chan e arde moitísimo, desprazando ao carballo.

2-En 2006 o PP privatizou parte das brigadas antincendios. Iso xerou caos á hora de coordinar ás brigadas. Tamén afundiu os salarios dos brigadistas e provocou que algúns nin sequera teñan fundas ignífugas adecuadas.

3-A Xunta do PP decidiu cesar a máis de 430 brigadistas o 1 outubro, malia as condicións extraordinariamente propicias para que se dese o que dramaticamente se deu: unha onda de incendios histórica. A dereita recorta nisto mentres entrega millóns aos banqueiros.

4- O PP goberna para os empresarios. Un helicóptero privado alugado pola Xunta cobra uns 6.000 euros por hora. Por iso o PP destina millóns á extinción, e moi pouco a prevención. Cos millóns que se entregan aos empresarios do sector da extinción, poderíase contratar a unha auténtica lexión de brigadistas durante todo o ano para rozar o monte e preparalo para facer fronte ao lume.

Todas as medidas imprescindibles para empezar a resolver o grave perigo do lume, que cada ano debemos sufrir, son absolutamente incompatibles coa política de privatizacións e recortes da Xunta. Por iso debemos organizarnos para esixir a dimisión de Feijoo e a adopción de medidas drásticas na loita contra incendios

Desde o S.E chamamos a todos os estudantes a organizar asembleas nos seus centros de estudo para discutir o que ocorreu estes días e para formar comités de loita que organicen accións contra o lume e a política do PP e participar en todas as mobilizacións que se convoquen.

Organízate e loita!

Ponte en contacto connosco para organizar isto no teu centro de estudo