Decide en Común (Ferrol) ¡EN APOIO Á FOLGA ESTUDANTIL DOS DÍAS 13 E 14 DE ABRIL! ¡DEROGACIÓN INMEDIATA DA LOMCE E O 3+2!

Nos últimos anos, os mozos e traballadores fumos vítimas de ataques ós nosos dereitos máis básicos, a loita na defensa dunhas condicións de vida dignas para a maioría adquiriu unha importancia vital. Fumos centos de milleiros de mozos, estudantes, desempregados, amas de casa e traballadores os que enchimos as rúas en multitude de ocasións defendendo a sanidade e a educación públicas, o dereito a un teito digno, pola igualdade entre homes e mulleres, contra a reforma laboral ou as artimañas da dereita para reprimir a protesta social como a Lei Mordaza. O gran avance das forzas da esquerda nas eleccións do 20D é a mellor proba de que a loita é o mellor camiño para levar a cavo as nosas demandas.

Pero hai quen intenta a toda costa que as cousas non cambien. Dende o Sindicato de Estudantes manifestamos o noso profundo rexeitamento ao pacto asinado por Pedro Sánchez e a dirección do PSOE con Ciudadanos, marca branca do PP, que representa o ideario da dereita de toda a vida: algo completamente incompatible coa defensa dunha educación pública e de calidade para todos.

Despois de catro anos de incansable loita da Marea Verde non podemos permitir que a educación pública continúe a desangrarse e que milleiros de profesores, pais e estudantes sigan a sofrer as consecuencias dos recortes, os despedimentos e as leis franquistas e clasistas como son a LOMCE e o 3+2. É o momento de voltar ás rúas a facer o que mellor sabemos: loitar polos nosos dereitos.

Dende Decide en Común da localidade de Ferrol queremos mostrar o noso apoio á folga xeral estudantil convocada a nivel estatal polo Sindicato de Estudantes para o 13 e 14 de Abril e chamamos a toda a comunidade educativa e ós traballadores en xeral a acudir masivamente ás manifestacións que terán lugar nesas datas.

¡A educación pública non se vende, deféndese!
¡Derogación inmediata da LOMCE e o 3+2!
¡Reversión de todos os ataques xa!