Non á Normativa de Permanencia!
Basta de trabas para os fillos dos traballadores
O Sindiicato de Estudantes súmase á convocatoria de folga do 9 de novembro e chama ao estudantado a secundala e acudir á manifestación.
A crise capitalista ten desatado unha auténtica ofensiva por parte da burguesía e os seus gobernos contra as conquistas históricas da clase traballadora. Entre estas conquistas está o feito de que moitos fillos e fillas de familias traballadoras puidéramos ter acceso ao ensino superior. Non é en absoluto unha esaxeración afirmar que hoxe este logro está en serio perigo. Endurecemento da selectividade, suba permanente das taxas e das segundas matrículas, recorte de bolsas, prezos inalcanzables nos postgraos, recortes orzamentarios, caos académico con Boloña…E a todo isto, agora súmaselle a Normativa de Permanencia na USC.
A Normativa de Permanencia
O obxectivo da Normativa de Permanencia é claro: aumentar o custe da matrícula universitaria e facer imposible simultanear estudo e traballo ou calquera outra actividade.
O encarecemento da matrícula lógrase a través do incremento de alumnos que terán que pagar unha segunda matrícula (moito máis cara). E isto será así porque aspectos coma obrigar ao alumnado a se matricular de tódalas asignaturas pendentes de cursos anteriores ou o feito de que corra convocatoria aínda que non nos presentemos ao exame, vai implicar precisamente isto; un crecemento dos suspensos e polo tanto da obriga de volver a nos matricular nesas materias.
Outros aspectos da normativa, como o feito de non podermos matricular de 4º tendo materias pendentes, ou que só poidamos presentar o traballo de fin de grao con tódalas asignaturas do grao aprobadas, implicará un maior caos horario e dificultades para rematar a carreira.
A mobilización serve
O estoupido do marabilloso Movemento 15-M demostrou que a loita de masas serve. O 15-M foi quen de impedir desafiuzamentos, desaloxos e mesmo de saltar por riba de prohibicións totalmente antidemocráticas da xudicatura que prohibía manifestacións ou concentracións nas prazas. Sen dúbida, a loita masiva da mocidade pode frear este novo ataque. Frear a Normativa de Permanencia, ademais, permitiríanos situarnos nunha posición excelente para facerlle fronte aos ataques que están por vir.
De feito, o vindeiro día 17 de novembro hai folgas estudantís convocadas xa en varias cidades do Estado. O Sindicato de Estudantes propón aos estudantes e as organizacións estudantís converter ese día nunha gran xornada de mobilización estatal en defensa do ensino público.
A burguesía ten claro que para seguir transvasando o diñeiro público a mans da banca, ten que recortar ao máximo o gasto social. Nos próximos meses e anos vai aumentar a loita entre a burguesía e os xóvenes xunto cos traballadores por ver quen se queda coa riqueza que xeramos nós. Imos vivir un enfrontamento entre as clases como non se vira dende hai décadas. E precisamente por iso, temos que estar preparados e organizados. Afíliate ao Sindicato de Estudantes para loitar polo noso futuro.
TODOS E TODAS Á FOLGA E Á MANIFESTACIÓN!
9 DE NOVEMBRO, ÁS 12:30 NA PRAZA DO TOURAL