Todos á folga e a manifestación en Compostela
Ás 11:30 na Alameda

En defensa do ensino público
O diñeiro do banqueiro para o instituto obreiro!

Dentro dun contexto xeral de profunda crise económica capitalista, no que as únicas medidas adoptadas polos gobernos, tanto de dereitas como socialdemócratas, baséanse en facer recaer o peso da mesma sobre os ombreiros da clase traballadora a través de contrarreformas laborais, precariedade, reducións salariais, aumento da idade de xubilación, altas taxas de paro, etc., a educación pública non ía ser menos.

Os gobernos autonómicos lanzáronse a un salvaxe plan de axuste que implica recortes nos orzamentos sociais, o despedimentos de miles de traballadores do ensino e a degradación da calidade do ensino público para seguir avanzando no negocio da privatización.

Mentres nos racanean os medios necesarios para que os fillos dos traballadores teñamos un ensino público digno, o PSOE e o PP acaban de aprobar unha reforma constitucional que non é máis que unha nova capitulación ante os grandes bancos, especuladores e capitalistas. Tal como expón o texto aprobado: “Os créditos para satisfacer os intereses e o capital da débeda pública das Administracións entenderanse sempre incluídos no estado de gastos dos seus orzamentos e o seu pago gozará de prioridade absoluta. Estes créditos non poderán ser obxecto de emenda ou modificación (…)”. O único que se pretende é garantir o pago puntual dos intereses multimillonarios da débeda pública á gran banca (para eles nunca hai recortes), a costa do recorte salvaxe dos gastos sociais.

En Galicia terminamos o curso cunha masiva manifestación, o 28 de xuño, na que participaron 15.000 profesores contra os ataques da Xunta e deixando unha mensaxe clara: que a loita ía continuar este curso e que non iamos tolerar ningunha agresión. O curso iníciase coa comunidade educativa en pé de guerra e a convocatoria para os días 21 e 27 de setembro de dúas xornadas de folga xeral na educación pública non universitaria por parte dos sindicatos de profesores (CIG, CCOO, FETE-UXT, STEG,…) e ás que o Sindicato de Estudantes tamén convoca ó estudantado para que eses días non haxa nin un só estudante nas aulas. Así mesmo, o día 9 os sindicatos convocan unha manifestación en Santiago, e o 20, unha xornada de brazos caídos.

Ataques e recortes no ensino público…

O motivo non é outro que o de responder ós ataques realizados polo conselleiro de Educación do goberno do PP, Jesús Vázquez, desde finais do curso pasado e ás últimas medidas a traizón e case de forma clandestina -o venres 19 de agosto- para tratar de evitar unha resposta contundente da comunidade educativa. A baterías de ataques é ampla: conversión de IES en centros integrados de FP, incremento do horario lectivo do profesorado (catro horas á semana) á vez que se reduce o número de docentes e se lles obriga a realizar tarefas que non son as súas, como o control do alumnado á entrada e saída do transporte escolar, profesorado en prácticas que non imparten a materia que aprobaron na oposición, desaparición do dereito á xubilación anticipada, o endurecemento das regras de permanencia na Universidade de Santiago de Compostela, servizos complementarios deficitarios, peche de ciclos formativos nas zonas rurais, supresión de unidades e a consecuente masificación nas aulas, escaseza de persoal administrativo nos centros, eliminación da gratuidade dos libros de texto ou o recorte nos comedores escolares, ademais do os continuos ataques ó galego ou a Lei de Convivencia. É dicir, un auténtico rosario de medidas que atentan gravemente contra a educación pública e contra o dereito das familias de clase traballadora a que os seus fillos reciban unha educación pública gratuíta e de calidade e que xa están tendo efectos: a supresión da gratuidade dos libros de texto ou reducións de comedores escolares. E vai ir a máis. Como veremos co empeoramento das nosas condicións de estudo se se reduce o número de profesores.

… Fondos públicos para os empresarios do ensino concertado

Pero mentres a educación pública é atacada sen miramiento algún, os empresarios da educación privada-concertada, apoiada polo goberno do PP, seguen recibindo cuantiosas cantidades de diñeiro procedentes das arcas públicas. Acábase de coñecer que a Xunta aumentou en case 220.000 millóns de euros as subvencións a 66 centros privados. Mentres a educación pública sofre un recorte de 14 escolas unitarias e 109 unidades de Infantil e Primaria, concértanse 9 unidades máis en centros privados-concertados, sen ningunha clase de xustificación. 
Ademais, a través do programa Abalar, que destina (segundo datos de CIG-Ensino) un 15% máis de subvencións a centros concentrados que a públicos trátase de desviar de forma indirecta máis recursos a petos privados, posto que tres veces máis centros privados que públicos acceden a este programa. O denominador común de todas estas medidas é o mesmo: recortar o gasto dedicado á educación pública. 

Ante problemas globais, respostas globais. Por unha folga xeral estatal de toda a comunidade educativa!!!

Pero os ataques á clase traballadora e ó sector público, e en concreto á educación, non só se están producindo en Galiza, é a tónica xeral no resto do Estado, de Europa e do mundo. As folgas e mobilizacións en resposta, tamén. En Madrid, Navarra ou Castela-A Mancha xa están en marcha algunhas delas. Os motivos son idénticos: aumento das horas lectivas, redución da contratación de profesorado -o que deixará a miles no paro, paralización na oferta de novas prazas para cubrir as xubilacións, redución do persoal nos centros educativos empeorando o servizo, redución de substitucións, etc.,… 
A convocatoria do 21 e 27 de setembro é un primeiro paso na loita (como as que se están convocando noutras comunidades autónomas) e por parte do Sindicato de Estudantes, imos convocar con todos os nosos medios para contribuír ó éxito da folga e reforzar a organización do estudantado. Doutra banda, consideramos moi positivo a celebración de asembleas e a organización de comités conxuntos de profesores, pais e alumnos en cada centro de estudo para que participe todo aquel que queira loitar contra os ataques. Desde o Sindicato de Estudantes somos conscientes de que ante estes ataques globais é necesaria unha resposta global e contundente, e para iso o mellor xeito de fortalecer e desenvolver o movemento é a convocatoria dunha folga xeral estatal de toda a comunidade educativa como seguinte paso que unifique a loita e déalle máis forza.