Jesus Vázquez segue a facer méritos para se converter no conselleiro de Educación máis odiado na historia de Galiza. Primeiro foi o decreto contra o galego nas aulas, nun contexto no que segundo datos do sindicato STEG, o 90% do alumnado das cidades está escolarizado en castelán. Este decreto foi masivamente respostado con varias manifestacións de masas e unha folga xeral do ensino moi exitosa.
E outra vez, cando chega o fin de curso e a capacidade de resposta de mestres e estudantes é case imposible, a Xunta volve á carga con multitude de decretos contra o ensino público galego.
Conversión de IES en centros integrados de FP, incremento do horario lectivo do profesorado, redución do número de docentes, peche de ciclos formativos no rural, endurecemento das normas de permanencia na USC… O denominador común de todas estas medidas é o mesmo: recortar o gasto no ensino público. Entre tanto, os concertos educativos ó ensino concertado non deixan de medrar para encher os petos dos empresarios do ramo. Tal e como explicaba un pai de Ourense: “É incrible; non pagamos ós nosos fillos os colexios caros, pero estámolos a pagar ós fillos dos nosos veciños ricos” (El País, Galicia, 4/7/2011)
Por suposto, estes recortes están xa a ter efectos: supresión da gratuidade dos libros de texto ou reducións de comedores. E vai a máis. O recorte de profesorado vai empeorar as condición de estudo dos fillos dos traballadores.
Conversión de IES en CIFPs
No inicio do verán, a consellería aprobou un proxecto de decreto que converte sete institutos en Centros Integrados de Formación profesional. Esta medida, que xa está a provocar mobilizacións (en Coruña, por exemplo) vai provocar o desprazamento forzoso de uns 2.000 alumnos a outros centros, coa conseguinte masificación que suporá.
Endurecemento das normas de permanencia na USC
Dentro da política de expulsar ós fillos dos traballadores do Ensino Superior, o Goberno da Universidade de Santiago de Compostela ven de aprobar un endurecemento das normas de permanencia, consistente entre outras medidas en que a partir de agora, o “non presentado” nunha materia dunha carreira adaptada a Boloña, correrá convocatoria. Deste modo, o estudante terá que pagar unha segunda matrícula, máis cara da xa custosa primeira matrícula. Por outra banda, o traballo de fin de Grao non poderá ser defendido se o alumno non ten tódalas materias aprobadas, de xeito que moitos estudantes terán que esperar un ano enteiro máis para se poder graduar.
Aumento do horario lectivo do profesorado e recorte de mestres
Dun xeito ditatorial –desaloxando da consellería pola forza ós representantes do profesorado- a Xunta ven de ampliar catro horas á semana o horario lectivo do profesorado galego. En realidade, a proposta non persigue outra cousa que dar satisfacción as demandas dos empresarios do sector do transporte escolar. O incremento de horas dedicarase á vixianza dos alumnos "desde que chegan ó centro en bus ata que entran a clase, desde que saen ata que suben nel". Esta medida terá dous efectos: o primeiro é a redución de uns mil mestres, segundo denuncia a CIG. E o segundo é o emprego do tempo do profesorado en tarefas alleas á labor docente, coa súa correspondente redución horaria en temas como as excursións, bibliotecas, titorías, reforzos fora do horario lectivo, ou a imposibilidade de cubrir sustitucións, etc. Non cabe a menor dúbida de que isto empeorará a calidade do ensino que recibimos os fillos e fillas dos traballadores nos centros de estudo.
E por suposto, o recorte de profesorado previsto vai ter consecuencias moi serias, en forma de recortes de clases de apoio para loitar contra o fracaso escolar, imposibilidade de sustituir ó profesorado de baixa médica, etc.
Un exemplo especialmente duro disto témolo no Colexio San Xoán de Ferrol, centro actualmente ocupado por pais e nais de alumnos en protesta pola situación que atravesan. Este centro, que recibiu varios premios pola súa labor de integración social de alumnos con necesidades especias, ven de sufrir un drástico recorte de profesores a mans da Consellería. Trátase dun centro onde o 48% do alumnado precisa atención educativa especial e onde moitos proveñen de familias en risco de exclusión social. E sen embargo, a Xunta decidiu recortar para curso que ven sete profesores, malia que o centro terá 18 alumnos máis.
A filosofía de fondo é clara: que estude que o poida pagar, isto é, os fillos dos ricos.
Fronte a isto, o pasado 28 de xuño, tivo lugar unha masiva manifestación de 15.000 profesores de todo Galiza, contra os ataques da consellería. As medidas que os seis sindicatos do ensino convocantes plantexaron, inclúen a convocatoria dunha folga xeral no ensino no inicio do curso escolar.
Dende o Sindicato de Estudantes collemos con ámbalas dúas mans esta proposta, que consideramos imprescindible para evitar o deterioro drástico do ensino público. Poñémonos xa a disposición dos sindicatos do profesorado para organizar unha gran folga xeral no ensino o próximo curso e chamamos ó conxunto do estudantado do país a loitar con nós.