Folla PDF

Cartaz PDF

Folla 16 novembro PDF

Os alumnos da facultade de Xeografía, Historia e Arte volvemos a sufrir novos ataques un ano máis. No segundo ano da súa implantación, os Plans de Boloña ou EEES (Espazo Europeo de Educación Superior) volven ser para nós, un auténtico pesadelo. Non temos garantías de poder rematar as nosas licenciaturas e diplomaturas. Estannos empurrando a pasarnos ao grao. E este, non é o único problema co que nos atopamos.



Extinción das licenciaturas e redución de convocatorias

O pasado mércores 20 de Outubro, último día de matrícula, o decano da nosa facultade, Juan Monterroso, era convocado para dar explicacións aos estudantes sobre o “plan de extinción de licenciaturas” que a USC está a manexar, e que terá consecuencias gravísimas para todos os que estamos nos derradeiros cursos deste tipo de titulacións. Este plan de extincións, ten como punto principal a redución do número de convocatorias para aprobar unha materia a catro, e de forma continua, en lugar das seis convocatorias das que dispoñiamos con anterioridade.
As consecuencias son ben claras, se un alumno de 3º, 4º ou 5º de Historia, Arte ou Xeografía non ten aprobadas todas as materias de 1º antes do fin de este ano entre as dúas convocatorias de Xuño e Setembro, aínda que só sexa unha materia de 6 créditos cuadrimestral, automaticamente será expulsado da súa carreira. Como moito poderá ter a posibilidade de facer o grao desa mesma titulación, ou outro grao diferente.

Pero aínda é peor: Esta posibilidade dáse sempre e cando xa esteas matriculado das que teñas pendentes de 1º, tendo en conta que o prazo de modificación de matrícula remata o 31 deste mes. No caso de non matricularte, a medio ano, a USC invalidarache automaticamente a túa matrícula coa correspondente expulsión. Esta é a desesperante situación na que se encontran ao redor duns 40 alumnos de 3º de licenciatura da nosa facultade. A isto súmase o feito de que non teremos a posibilidade de docencia na maioría de materias non superadas de cursos anteriores, xa que os departamentos da facultade teñen a imposibilidade de imparti-las porque están a sufrir unha carga horaria inasumíbel para eles, como consecuencia do grao, que desborda de forma moi patente ao profesorado membro destes departamentos.

Salvaxe redución das materias optativas

Por outra banda, e en total relación con isto, o outro grave problema ao que nos enfrontamos é a redución de materias optativas de 1º e 2º ciclo nun 60%. A consecuencia deste brutal recorte será unha pésima e paupérrima oferta á hora de poder especializarnos. Unha vez máis, o Decanato volve a vulnerar o noso dereitos a poder rematar os nosos estudos de licenciatura coas mesmas posibilidades de anos precedentes, aínda despois da implantación do Plan Boloña e dos Graos.
E para completar o caos creado pola implantación de Boloña, tamén estamos a sufrir uns horarios de aulas totalmente caóticos, que en moitos casos, fan que se solapen as horas entre materias obrigatorias ou troncais con optativas, ou entre dúas optativas, no mesmo curso, afogando así aínda máis a nosa opción á optatividade.

Cómo chegamos a esta situación?

Dende hai anos o Sindicato de Estudantes ven explicando que a aplicación dos Plans de Boloña, ademáis de expulsar da universidade aos fillos dos traballadores, ía provocar un auténtico cáos, pola imposibilidade de implantar toda unha serie de medidas do EEES. Agora empezamos a ver os efectos, confirmando as nosas análises.
A facultade de Xeografía e Historia está totalmente colapsada pola adaptación a Boloña e dos novos graos. Á máis que visible falta de espazo físico para poder soportar unha carga tan alta de clases e de horarios, súmase a política de “austeridade” e de recortes sociais por parte dos gobernos Estatal e da Xunta no marco da crise capitalista. Sobra dicir que esa “austeridade” semellaba non existir cando de regalar millóns á banca se trataba. Pero para garantir un ensino digno ós fillos dos traballadores non hai cartos, dinnos. O Goberno central, A Xunta e a USC están levando acabo unha política salvaxe de recortes nos orzamentos destinados ó ensino superior. Un claro exemplo disto é a redución nun 50% do presuposto destinado as becas por parte da Xunta para o próximo 2011. A USC tamén reduce o seu gasto e entre outras moitas políticas, asegura que só renovará a unha de cada dez xubilacións de profesorado. Conclusión, recorte tras recorte que o único que provoca e que esteamos a ser pisados pola Universidade e os gobernos reaccionarios da Xunta e do Goberno estatal, xa que son títeres que responden sen rechistar ás demandas dos grandes capitalistas.

NA NOSA TÁBOA DE REIVINDICACIÓNS ESIXÍMOSLLE á VICERREITORÍA DE
ADAPTACIÓN AO EEES O SEGUINTE:

O recoñecemento ao dereito a 6 convocatorias sen prazo temporal.
Unha oferta de optatividade do 100% por orientación, como nos anos anteriores á adaptación
ao EEES.
O aprobado automático no caso de non ter posibilidade de docencia nunha materia de curso
anterior. Pagamos porque nos dean clase!
A solución ao solapamento de horarios de distintas materias do mesmo curso.

POLOS MESMOS DEREITOS PARA REMATAR AS NOSAS LICENCIATURAS COMO
ANTES DA ADAPTACIÓN AO EEES, POR UNHA UNIVERSIDADE PÚBLICA,
CIENTÍFICA, LAICA, DEMOCRÁTICA E DE CALIDADE. ÚNETE AO SINDICATO DE
ESTUDANTES E LOITA CONNOSCO!