Unha vez máis o estudantado da Facultade de Xeografía e Historia sae á rúa en protesta contra o intento da Vicerreitoría de Grao e Posgrao de reducir as convocatorias de 6 non consecutivas a 4 consecutivas e o tempo para rematar a licenciatura de 2015 a 2012.
Esta é a consecuencia inevitable da aplicación do Plan Boloña sen ningún tipo de investimento, ao que se suma a crise económica na USC e o Plan de Estabilidade de Feijóo, que so renovará 1 de cada 10 prazas do profesorado.
Se na nosa facultade conservamos o vello calendario ou acadamos un pírrico e insuficiente aumento das prazas no Máster Docente é debido única e exclusivamente á resposta contundente que sempre ofreceu o estudantado da facultade.
O reitorado ten medo da mobilización do estudantado, por iso está a aplicar este plan a distintos ritmos en cada facultade, como xa fixeran no pasado con Boloña. Trátase de dividir a posible resposta para facilitar a súa implantación. Esta táctica tamén se está a empregar coa adaptación das licenciaturas ao calendario de Boloña. Táctica que xa colleitou algún éxito parcial en lugares con menor tradición de loita como a ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría) onde o ano que ven comezarán co calendario de Boloña.
Quedar illados na nosa facultade é o mellor favor que lle poderiamos facer tanto á vicerreitoría como ao noso decanato (que están a negociar todo isto ás nosas costas). Por iso cremos que a mellor resposta a todos os problemas que se están a producir é convocar unha segunda folga, pero desta volta en toda a USC, unificando os problemas das diferentes escolas e facultades. Esta é a proposta que trasladamos tanto aos estudantes de Xeografía e Historia como aos compañeiros de Comités.
Se formamos un Comité de Loita entre os estudantes que nos estamos a mobilizar hoxe poderiamos ir a tódalas facultades e convocar asembleas onde expliquemos o problema das licenciaturas (descoñecido por moitos compañeiros) e a necesidade da mobilización.
Estamos seguros de que o estudantado daría unha resposta contundente ás pretensións da Vicerreitoría.