http://sindicatodeestudiantes.net/images/fotosarticulos/2congr.jpgPolo dereito á convocatoria de Setembro

Recentemente o Consello de Goberno da universidade fixo público o documento polo que se establece o calendario escolar para o vindeiro curso,aplicable ás titulacións de grao.

No caso das titulacións a extinguir,como é o noso caso,plantexan que sexa o centro o que decida se quere manter os exames nas súas datas actuais ou, pola contra, se quere adaptalos ao calendario de grao, é dicir, pasar a convocatoria de Setembro a Xullo, e integrar cos exames de Febreiro/Xuño a convocatoria de Decembro.

Dende o Sindicato de Estudantes consideramos que, de levarse a cabo, esta adaptación ao calendario do grao sería profundamente negativa para o alumnado, especialmente para aqueles de extracción máis humilde. Moitos estudantes que teñen que compatibilizar traballo e estudo para poder paga-la carreira, e que debido a isto non poden estudar e presentarse a tódalas asignaturas nas convocatorias de Febreiro e Xuño, non disporán dos meses de verán para preparar aquelas materias ás que non lles foi posible presentarse durante o curso. Por outra banda, a implantación dos exames en Xullo suporá para todos aqueles estudantes de fóra de Vigo, e que teñen que alugar un piso durante o ano, o pago dunha mensualidade a maiores. Por último, a inclusión dos exames de Decembro no periodo dos de Febreiro/Xuño non fai senón sobrecargar o xa de por sí saturado calendario de exames nesas datas.

Os compañeiros de Delegación de Alumnos están a levar a cabo unha enquisa no foro da escola para recolle-la opinión do alumnado e defendela na próxima Xunta da Escola, onde se decidirá que modelo se adoptará definitivamente. Nós apoiamos totalmente esta iniciativa e calqueira que vaia orientada a dar voz, pero tamén voto, ao alumnado. Por iso cremos necesaria a convocatoria dunha asamblea que permita a discusión deste asunto por parte do alumnado, e que sirva tamén para presionar á Xunta da Escola para que atenda á opinión da maioría. Chamamos aos compañeiros de Delegación e aos demais representantes  do alumnado a seguir nesta dirección, e dende o Sindicato de Estudantes lles tendemos unha man compañeira para levar isto a cabo.