http://sindicatodeestudiantes.net/images/fotosarticulos/logose_galego_color.jpgEleccións ó claustro da USC
VOTA  SINDICATO  DE  ESTUDANTES
a organización dos fillos dos traballadores

A universidade atópase nun momento decisivo. A aplicación do Plan Boloña está provocando que remata-los estudos sexa unha auténtica carreira de obstáculos para os estudantes fillos de traballadores e traballadoras.

Aqueles ós que xa se lles aplica Boloña están o sufrir o alto incremento dos prezos da matrícula. Pero a aplicación de Boloña está a afectar tamén ó estudantado que segue polo plan vello: incremento drástico dos traballos (o que fai moi difícil compatibilizar estudos e traballo), endurecemento das normas de asistencia, aumento das taxas ou o novo CAP, que bloquea o acceso ó ensino á maior parte dos licenciados de humanidades e ciencias sociais.

A esta situación engádeselle agora a crise económica, que xa está a implicar fortes recortes orzamentarios no ensino superior.

A reducción da recadación fiscal, por mor da crise, e a política de dar inxentes axudas públicas á banca, provocou un xigantesco déficit público. Tódolos gobernos europeos están embarcados nunha política de recorte drástico do gasto social. O Estado español non é unha excepción. Estes recortes implican reduccións en sanidade, pensións, privatización de servizos sociais (como estamos a ver nos hospitais de Vigo e Pontevedra) ou intentos de retrasa-la idade de xubilación, abarata-lo despedimento, etc.

No plano educativo, a política de austeridade (austeridade que non se aplica cando se trata de dar cartos ós banqueiros) tradúcese en recortes de bolsas, encarecemento de matrículas e residencias ou na última proposta “estrela” do Goberno: que as segundas matrículas aumenten un 50% e as terceiras, un 100%.

Por qué se dá esta situación?

Para a burguesía, que “tantos” xoves accedamos á universidade é un derroche. Por unha banda, eles ven o ensino como unha fonte máis de negocio. Para eles, que non haxa prazas públicas abondo no novo CAP, por exemplo, é unha bicoca: así, se queres exercer a docencia terás que matricularte no seu Master Docente privado: se tes cartos, non terás que te preocupar polo límite de prazas...

Pero hai máis. Milleiros de licenciados están a traballar de administrativos ou na hostalería. Dende o punto de vista dos grandes empresarios, isto é un derroche. Para traballar nun emprego pouco cualificado é abondo con ter o bacharelato. Por iso, os grandes capitalistas están interesados en recortar o número de licenciados. Queren que os cartos públicos se usen en subvencionalos a eles ou en darlles exencións fiscais. Este é o problema de fondo, e este é o obxectivo estratéxico do Plan Boloña: “desmasificar” a universidade sobre a base de pecha-lo acceso á mesma á maior parte dos fillos dos traballadores. 

Dende o punto de vista dos intereses da clase traballadora, o asunto é á inversa: precísase moito máis persoal sanitario para poder desmasificar á sanidade, máis mestres, psicólogos e traballadores sociais nas escolas para rematar co fracaso escolar, máis historiadores da arte para catalogar o patrimonio histórico do país...

Pero todo isto, que redundaría en beneficio da maioría da sociedade, choca contra os intereses dos grandes capitalistas.

Emprega-lo claustro como un altofalante

O claustro é un organismo antidemocrático, onde os estudantes estamos absolutamente subrepresentados. Nada fundamental vaise lograr nel. O que non logremos coa nosa mobilización, non imos logralo nesa institución. Dito iso, non podemos permitir que sexa a dereita a que fale en nome do estudantado. Temos que pararlle-los pés ás organización estudantís apadriñadas polo PP. Dende o Sindicato de Estudantes empregamos o claustro como un altofalante para dar a coñecer os problemas ós que nos enfrontamos os fillos dos traballadores e para denunciar os ataques que estamos a sufrir, veñan de onde veñan (Reitorado, Xunta, Goberno estatal...).

Tamén, nestas eleccións vaise escoller o novo reitor. Desgrazadamente, ningún dos candidatos ten un programa decente. En calquera caso, si pensamos que é importante impedir que o novo reitor sexa da dereita. Chamamos ós estudantes a NON votar nin a Juan Casares Long nin a Juan Varela, ambos completamente vencellados ó PP.
 
O noso programa

O Sindicato de Estudantes fala claro: non somos o sindicato de tódolos estudantes, non somos o sindicato dos fillos dos ricos; somos o sindicato dos fillos dos traballadores. Vótanos para defender no Claustro e na rúa o seguinte programa:

 

- 2% do PIB para o ensino superior público. Si hai cartos. Téñenos os banqueiros e grandes empresarios. Con ese 2% podería garantirse:

- Ensino superior gratuíto
- Residencias públicas a prezos sociais, xestionadas democraticamente polos estudantes
- Desmasificación das aulas. Contratación de profesorado abondo nas carreiras masificadas.
- Bolsas-salario para os estudantes de rendas máis baixas
- Un posto de traballo ó remata-los estudos ou subsidio de desemprego ata atopalo

- Paralización do Plan Boloña.

- Polo mantemento de tódalas licenciaturas actuais

- Cobertura das baixas de profesores a partir dunha semana.

- Basta de privatización: integración de tódolos masters privados na rede pública.

- Non ó novo CAP: prazas ilimitadas e gratuítas para acceder o Master Docente

- Non á LOPS. Inclusión de Psicoloxía dentro do ámbito sanitario

- Por unha reforma educativa en beneficio dos fillos dos traballadores e non dos intereses dos grandes empresarios.