Os estudantes de familias traballadoras enfrontámonos a un grave ataque. Os Plans de Boloña. A nova contrarreforma educativa, de levarse acabo implicará volver o vello sistema no que só estudaban ós fillos dos ricos.
Durante as dúas lexislaturas da dereita, o PP artellou dúas leis, LOU e LOCE, que supuñan un duro ataque á educación publica tanto no ensino medio como en universidade e constituían unha agresión directa ós fillos da clase obreira, dificultando gravemente o seu acceso a universidade, e tentando canto antes apartalos do sistema educativo para serviren de man de obra barata aos empresarios.
Lamentablemente, a chegada do goberno PSOE, produto da grande mobilización social nos últimos anos do PP, non supuxo un cambio na política educativa respecto o período anterior, como quedou demostrado trala negativa da ministra San Segundo a retirar a LOU (unha promesa electoral de Zapatero), co que a universidade continúa o seu proceso de privatización.
O novo Goberno –tamén o goberno galego- está cedendo ante as presións da dereita e da grande burguesía, para quenes non resulta “rendible” manter una grande poboación universitaria que ao remate non atopará un traballo acorde cos seus estudos.
O Plan Boloña
Neste contexto o próximo ataque a universidade pública ben dado pola aplicación dos Plans de Boloña, que Goberno e reitores tratan de presentar como imprescindible para a homologación a Europa, cando se trata dun paso máis na degradación da ensinanza universitaria pública.
A estrutura educativa que plantexa o ministerio consistirá na redución a tres anos das carreiras para obter un título de grao, moi devaluado respecto a actual licenciatura, que implicará un período de prácticas a parte do proxecto de fin de carreira. Ademais créase un título de postgrao asimilable aos actuais masters, que será imprescindible para ter acceso a un posto de traballo digno. Nembargantes para acceder a eles imporanse unha serie de cribas tanto académicas, onde cada facultade imporá os seus criterios de selección, como económicas, cuns prezos (en torno a 2000 euros) ós que dificilmente poderemos facer fronte os fillos das familias traballadoras, tendo en conta ademais que non existirán as bolsas, senón créditos bancarios que serán devoltos unha vez se finalicen os estudos.
Outra implicación destes plans será a redución de carreiras das 140 licenciaturas actuais a 79 títulos de grao sen que isto supoña a creación de máis prazas nas carreiras restantes senón unicamente acabar coas menos “rendibles”-e masificar polo tanto as que queden-.
En definitiva tentan elitizar a universidade pública e excluír dos estudos superiores ós fillos dos traballadores, para deste xeito recorta-lo gasto público universitario.
A situación na USC e a política dereitista do reitorado
A universidade de Santiago de Compostela adoece non menos que as outras de Galiza dos problemas derivados desta falta de interese pola educación pública que se materializa nunha máis que insuficiente inversión.
Hai doce anos do pacto de goberno da Plataforma Universitaria Progresista (PUP) e do colectivo de profesores de dereitas Converxencia Universitaria no claustro da USC.
O panorama que atopamos tras este tempo é que dende a USC tense primado o clientelismo, o aumento da dependencia económica da universidade con respecto ás empresas e o recorte de dereitos democráticos e sociais aos estudantes que se aloxan no Servizo Universitario de Residencias (SUR). O mellor exemplo
das consecuencias desta política, vémolo no SUR. O SUR, que foi unha conquista exemplar das mobilizacións estudantís dos anos 70 e 80 por unhas prazas de aloxamento baratas e en condicións dignas, vén sufrindo nos últimos anos un progresivo recorte de dereitos sen precedentes, tanto nos criterios de acceso onde se aprobaron medidas para favorecer aos estudantes máis ricos (eliminando os límites patrimoniais e establecendo un baremo onde unha matrícula de honra vale catro veces máis que un aprobado) como na redución do número de prazas subvencionadas, o aumento dos prezos ou a mutilación do dereito do conxunto dos estudantes a participar no goberno das residencias, á vez que os representantes estudantís que aplaudían a política do Reitorado eran nomeados directores e subdirectores dos centros do SUR. Todo isto para reforzar a política da PUP e CU.
E abofé que o obxectivo desta política (preludio dos plans de Boloña) non é poñer a universidade ao servizo da maioría da sociedade, garantindo o dereito dos fillos dos traballadores a estudar unha carreira, senón subordinar os estudos superiores á demanda dos empresarios.
Agora, o actual reitor, Senén Barro vólvese a presentar, pero desta volta tamén apoiado polos profesores nacionalistas de Universidade Aberta e pola dereita. É un grande erro. O que precisamos neste intre é un reitorado nitidamente de esquerdas para vira-lo rumbo.
A esquerda debe lograr a maioría no claustro e presentar un candidato propio.
Por un reitorado de esquerdas. Vota ao Sindicato de Estudantes
Coa aposta pola “iniciativa privada” dentro da universidade, semella que dende a USC pretenden que esquezamos que o groso dos empresarios só busca incrementar ao máximo os seus beneficios, e pouco lles importan as necesidades sociais da maioría da poboación. Para eles é un derroche que salgan cada ano centos de novos licenciados, cando só necesitan contratar a un número reducido deles para seguir tendo beneficios xigantes. Con todo, isto está en contradición coas necesidades sociais. Sí son necesarios máis médicos para acabar coas listas de espera, máis profesores para dar clases de apoio aos estudantes con máis dificultades de aprendizaxe...e si existen os cartos para logralo...están en mans das grandes fortunas deste país, dos donos de Inditex, Pescanova, e tantas outras...
Un goberno da Xunta realmente de esquerdas debe de meterlle man aos beneficios deste puñado de grandes empresarios e empregalos para aumenta-lo gasto social. Só así poderíamos acadar un ensino realmente de calidade e gratuíto para os fillos dos traballadores.
Os estudantes franceses mostran o camiño. A súa loita obrigou o goberno a retira-lo CPE, o contrato lixo para a mocidade. A Loita e a organización dos estudantes e traballadores en Galiza e no conxunto do Estado español pode obriga-lo Goberno a levar a cabo unha política ao servizo da maioría, unha política realmente de esquerdas.
Vota ao Sindicato de Estudantes para defender este programa e organízate connosco.
- Basta de ataques á Universidade pública.
- Derrogación da LOU.
- Non á aplicación do Plan Boloña
- Polo mantemento de tódalas licenciaturas actuais
- Por unha reforma educativa en beneficio dos fillos dos traballadores.
- 4% do PIB para a Educación Superior pública. Con isto podería garantirse:
- Supresión total das taxas: universidade pública e gratuíta
- Bolsas-salario
- Libros, ordenadores e outro material dabondo
- Residencias a prezo social e xestionadas democraticamente polos estudantes
- Incremento drástico de prazas universitarias para garantir o acceso directo á carreira solicitada en primeira instancia (supresión da selectividade)
- Non á LOPS. Inclusión de Psicoloxía dentro do ámbito sanitario
- Non a destrución da quenda de tarde (como en Políticas e outras)
- Non á substitución do CAP por un Master, como quere o Ministerio
- Cobertura das baixas de profesores a partir dunha semana.
- Un posto de traballo digno ao rematar os estudos ou subsidio de esemprego indefinido ata atopalo