http://sindicatodeestudiantes.net/images/fotosarticulos/arte%20urbano_plantillas_prohido%20pp.pngNon hai cambios fundamentais. Hai que botalo abaixo e hai forza para facelo.
 
Por unha folga xeral de toda a comunidade educativa, incluíndo á escola concertada e a universidade




Seguindo o mesmo modus operandi que xa seguiran coa presentación das “bases” do decreto contra o galego, a Consellería de educación presentou clandestinamente o anteproxecto do decreto.

O primeiro borrador, as “bases do decreto”, foi presentado a véspera de Noitevella de 2009. O obxectivo era evitar unha mobilización social. Non o conseguiron. Agora, o novo borrador do decreto foi presentado un sábado e o seu anuncio fíxose apenas unhas horas antes. Tampouco puideron evitar esta vez unha nova mobilización de urxencia, nin a celebración de manifestacións en todas as comarcas o luns.

A dereita despreza a nosa lingua, considéraa propia de pailáns. Aínda que o PP énchase a boca con palabras acerca da “liberdade de elección” do idioma, o “plurilingüismo”, etc, o que en realidade lles move é o odio propio dos ricos cara á nosa lingua e o seu españolismo avasallador. Todo o decreto sobre a lingua ten como único obxectivo reducir a presenza do galego na educación. Todo o demais (a suposta introdución do inglés nas aulas, o dereito a decidir dos pais, a “harmonía” entre as linguas...) non é máis que un adorno e unha farsa.

O ataque do PP ó idioma provocou unha resposta social espectacular en Galiza: 3 manifestacións de masas colapsaron Compostela (17 de maio, 18 de outubro e 21 de xaneiro) e unha folga educativa paralizou por completo o ensino. O PP viuse contra as cordas e empezou a retroceder. De feito, no novo borrador, que segue significando unha ataque salvaxe ó idioma, víronse obrigados a dar marcha atrás nalgúns aspectos:

O contido do decreto: os cambios

1-Inglés:

Como xa señalámos noutros materiais , a proposta de introducir un terzo de horas en inglés era unha auténtica farsa. O primeiro borrador abría a porta a que se estas horas non se podían impartir en inglés- e era obvio que non se podería- , estas distribuíranse entre castelán e galego. Como a Xunta non tiña a menor intención de aumentar o orzamento para formar ó profesorado en inglés, pretendía que ese terzo de horas de “inglés” terminase impartíndose en castelán.

Cando se achegaba a hora de concretar como sería a introdución dun terzo de horas de inglés nas aulas, a Consellería recula e no novo decreto relega a introdución de inglés a un futuro indeterminado. O proxecto estrela do PP, a educación en inglés, esvaécese deixando en evidencia a tosca manobra da dereita.

2-Porcentaxes en galego e castelán

A intención inicial da Xunta era, como dicimos, que o terzo de horas reservadas a inglés terminase impartíndose en castelán. Finalmente, a masiva resposta social obrigoulles a dar marcha atrás. O novo borrador establece que a metade das materias impartiranse en galego e a outra metade en castelán

3-“Dereito a decidir” dos pais

O primeiro borrador establecía que os pais poderían elixir en que idioma dar o terzo de horas de inglés, se estas horas finalmente non podían impartirse nese idioma. Nisto, como comentamos, tamén dá marcha atrás a Xunta. Finalmente, o tan cacareado dereito dos pais a elixir o idioma (ademais de ser completamente antipedagóxico e de crear un grave conflito onde non o hai), queda en moi pouca cousa: unha vez cada algúns anos, os pais poderán elixir se se intercambia entre un bloque de materias e outro o idioma utilizado (pero garantindo unha repartición ó 50%).

4-O ataque salvaxe contra o galego mantense: o caso de educación infantil.

Con todo, o plan estratéxico do PP segue en pé con este decreto. Este plan consiste en continuar minorizando o galego na sociedade; que continúe o seu retroceso e que acabe por ser residual. E o establecido no decreto respecto da educación infantil, vai directamente nesa dirección.

No decreto establécese que entre os 0 e os 6 anos, o profesorado empregará unha soa lingua e que esta será a maioritaria entre os pais dos nenos. Tendo en conta que nas cidades galegas máis do 80% da poboación fala só castelán ou maioritariamente castelán, isto implica que miles de nenos galegos chegarán ós 6 anos sen escoitar unha palabra de galego nin na súa casa nin na escola.

De sobra é coñecida a importancia vital da etapa de 0 a 6 anos para a adquisición dunha lingua. Con isto o PP pretende facer canteira. Se as novas xeracións son monolingües en castelán ata os 6 anos, é obvio as dificultades que terán no futuro para aprendelo (porque a partir desa idade só poderán “aprendelo”, non asimilalo de forma natural). Non é ningunha esaxeración afirmar que, sen medidas políticas e económicas drásticas, a pervivencia do galego, a longo prazo, está ameazada. E este decreto contribúe a acelerar esta dinámica, e moito.

Basta de mentiras. Fóra as vosas mans do galego

En realidade, para alguén que descoñeza o decreto, deberían bastar as palabras de Gloria Lago, presidenta da ultraespañolista asociación “Galicia Bilingüe”, para saber por onde van os tiros. Esta señora escribiu un artigo, valorando o novo decreto, co significativo título de “Esto ya pinta bastante mejor”. Sobran comentarios.

Para terminar de indignarnos, o PP continúa a súa campaña contra a “imposición” do galego. Precisamente nun contexto histórico no que esta lingua retrocede máis rapidamente que nunca, no que nas cidades vai camiño de ser residual, no que a presenza do castelán é infinitamente superior á do galego (en TV, cine, música, literatura...) e no que aínda hoxe hai casos de discriminación laboral por empregalo en determinadas empresas. Fronte a todo isto, o PP atrévese a dicir que o castelán perséguese en Galicia. É o mundo ó revés!

Todo a súa argumentación acerca de garantir un “repartición equitativa” do castelán e o galego nas aulas omite que non se parte dunha situación de “igualdade” entre ambos os idiomas, senón de claro retroceso do galego. Só unha política de fomento do galego na educación (e non só) podería reverter esta situación. Por iso, desde o Sindicato de Estudantes defendemos a consecución, progresivamente e cos medios humanos e materiais necesarios, dunha educación pública en galego.

Pódese tombar o decreto

A extraordinaria resposta social dada ó ataque do PP ata agora reflexa que hai forza e ganas para tiralo abaixo. Os cambios introducidos no decreto, aínda que mantendo o esencial demostran que o PP está moi nervioso. Que Feijoo fuxise e non presentase o novo decreto é unha mostra máis disto. Nunca houbo unha oposición tan unánime a un decreto sobre a lingua, que obrigou ata a institucións conservadoras a oporse. O éxito da folga educativa, con decenas de miles de profesores perdendo o seu salario ese día, reflite a disposición a loitar. Por iso, agora é o momento de dar un paso máis.

A plataforma Queremos Galego (na que está integrado tamén o Sindicato de Estudantes) actuou con moita determinación. As manifestacións convocadas e a folga educativa do 21 de xaneiro é un exemplo de como loitar contra a dereita. Con todo, na nosa opinión, tras o 21 de xaneiro era necesario dar continuidade á loita, tal e como expresamos publicamente. Era necesario convocar unha nova folga educativa, sumando á universidade e ó ensino concertado. Ademais, puidéronse convocar manifestacións comarcais o día da folga, en lugar dunha centralizada en Compostela, o que permitiría a decenas de miles de estudantes participar.

O PP estaba retrocedendo, e unha folga aínda máis ampla tería posto en graves problemas á dereita. Con todo, Queremos Galego optou por centrarse en conseguir firmas para unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Isto, que como método auxiliar é positivo, non debería substituír a unha nova convocatoria de folga, cando que, ademais, a ILP só sería simbólica, xa que a maioría absoluta do PP no parlamento tombaríaa sen máis.

En calquera caso, aínda hai tempo para tombar o “novo” decreto. Pero é necesario que os dirixentes sindicais e a plataforma Queremos Galego póñanse desde xa a organizar concienzudamente unha nova folga educativa, na liña arriba sinalada.

Desde o Sindicato de Estudantes comezamos unha campaña de votación de resolucións nos IES para pedir ós dirixentes sindicais que dean ese paso. Pola nosa banda, comprometémonos a envorcarnos na mobilización dos estudantes se esta folga é convocada.