http://sindicatodeestudiantes.net/images/fotosarticulos/logose_galego_color.jpgAs organizacións estudantís de esquerda, os sindicatos de clase e as asociacións de pais temos que responder en defensa do ensino público, laico e gratuíto

O pasado 27 de Xaneiro o goberno do PSOE, a través do seu ministro de Educación, presentou oficialmente o “Pacto pola educación”.

Dous días máis tarde, no Consello de Ministros, o executivo do PSOE aprobaba un paquete de contrarreformas sociais coa intención de aumentar a idade de xubilación aos 67 anos e endurecer o acceso ás pensións.Ao mesmo tempo, o goberno anunciou un recorte drástico do gasto público ao redor dos 50.000 millóns de euros e unha nova reforma laboral. Todo iso conforma un brusco xiro á dereita da política do PSOE, cedendo vergonzosamente ás presións da CEOE, o PP e a xerarquía da Igrexa Católica. É neste xiro á dereita onde temos que enmarcar o Pacto educativo, que non é outra cousa que un ataque frontal contra a escola pública, que continúa o proceso iniciado co famoso Plan Bolonia para privatizar a Universidade.

A situación da educación pública

A realidade do ensino público ten moi pouco que ver co discurso oficial. O curso 2009/10 comezaba con máis de 3.000 barracóns facendo as veces de aulas: 1.208 no País Valenciá, 1.046 en Catalunya e 800 en Andalucía. Son máis de 75.000 os estudantes afectados que teñen que recibir clase en espazos de chapa e plástico. Aínda que “suponse” que son concibidas para ter unha existencia curta, 3 ó 4 meses, esas estancias acábanse prolongando indefinidamente.

Ademais, a falta de prazas públicas crece cada ano. Este curso, só entre Barcelona e Madrid, houbo máis de 22.000 non admitidos en Formación Profesional (FP). A falta de profesores é outro dos problemas máis perentorios: tan só na provincia de Málaga, no mes de outubro, case 15.000 alumnos víanse afectados pola ausencia duns 1.200 docentes. En Galiza, o presente curso comezou con 458 interinos menos e unha redución de 35 prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas das 482 existentes, sen contar a aprobación dunha partida de 1.000 millóns de euros para o ensino privado-concertado e o Decretazo do PP contra o ensino en Galego.

Esta situación non xorde dun día para outro, é froito dun abandono consciente da educación pública por parte dos gobernos autonómicos do PP, pero tamén das comunidades gobernadas polo PSOE e do propio goberno central. A falta de investimento necesario para solucionar os seus problemas e apostar por unha mellora significativa agudizou o problema ano tras ano.

Mentres os orzamentos destinados para a educación pública sufriron un descenso prolongado durante os últimos 16 anos (do 4,9% do PIB en 1993 ao 4,5%  en 2009), a educación privada-concertada foi apropiándose, cada vez máis, dunha gran parte dos recursos correspondentes á pública: de 1.615,6 millóns de euros en 1992 , os concertos pasaron a 4.726,4 en 2006 , un incremento do 292%, é dicir, reducíronse sistematicamente os fondos públicos a favor dos empresarios da educación privada-concertada, que nun 89% corresponden á Igrexa católica.

As propostas da dereita

A dereita xa deixou claro cales son as súas receitas para “mellorar” a educación. Para este curso o goberno de Madrid, dirixido por Esperanza Aguirre, recortou o orzamento para a educación pública en todos os seus tramos nun 3,3%, mentres o dedicado á privada-concertada aumentou un 6%.

Ante un fracaso escolar do 30%, o máis alto da UE, o PP esixiu, antes de facerse pública a proposta do pacto educativo polo goberno, a supresión dun ano na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e ampliar un máis o bacharelato; deste xeito tratan de incitar aos estudantes con máis dificultades a abandonar o sistema educativo e obter unha mellor cualificación académica, asegurando máis man de obra barata para a explotación.

Por outra banda, para o PP os verdadeiros problemas da educación son a “indisciplina y la violencia en las aulas”, e a súa solución é entregar poderes policiais ao profesorado. Os que facemos vida nos centros de estudo sabemos perfectamente que a imaxe que tratan de trasladar da mocidade nada ten que ver coa realidade. Tanto é así que ata o Defensor del Pueblo recoñece que os episodios de violencia reducíronse dende 1999 até situarse nun 3,9% .

O pacto educativo

Lamentabelmente, na súa proposta de pacto, o PSOE non só fai unha chiscadela a estas formulacións, senón que ademais recolle diferentes aspectos do ideario político do Partido Popular.

Así nos atopamos con que o PSOE recupera para 4º de ESO parte dos itinerarios que a dereita impulsou na súa “Ley de Calidad” de 2002 -contra a que a comunidade educativa saíu á rúa e o PSOE viuse obrigado a botar atrás-, converténdoo nun curso no que dividir ao alumnado en dúas ramas . Esta selección xestarase en 3º da ESO, cun exame que servirá para “elixir a modalidade do cuarto curso cara a […] estudos de bacharelato ou cara a estudos de formación profesional”  Aos 14 anos decidirase quen serve para estudar bacharelato e posteriormente unha FP de grao superior ou a universidade, e quen debe ser encamiñado a unha FP de grao medio, claramente devaluada.

Ademais o PSOE faille o xogo á dereita na súa campaña de criminalización da mocidade  favorecendo a represión do movemento estudantil baixo a fórmula da necesidade de reforzar a autoridade do profesor e dos equipos directivos, “para que poidan adoptar de forma inmediata as medidas necesarias ante os casos de violencia ou indisciplina que se produzan.” Xa quedou claro que a violencia nas aulas redúcese a casos sumamente puntuais. Esta medida, na práctica, utilizarase para que calquera estudante que promova unha asemblea, unha protesta ou participe nunha folga pola mellora das condicións de estudo, sexa sancionado con “as medidas punitivas que sexan necesarias” .

Un aspecto central do documento é a clara intención de continuar favorecendo a extensión da escola concertada en detrimento de o financiamento á pública, da que non se fala explicitamente en ningunha das 28 páxinas nin nas 104 propostas expostas polo goberno. Ademais, facéndose eco da demanda do Partido Popular, o goberno do PSOE subscribe a necesidade de “Favorecer a liberdade de elección [de centros] das familias” , para asegurar que o ensino privado-concertado seguirá recibindo un chorro de miles de millóns de euros, así poderá seguir facendo canteira: se xa dende educación infantil unha familia matricula aos seus fillos na privada concertada (en moitos casos pola falta de oferta pública existente) co tempo cada vez será maior a porcentaxe de ensino concertado nos seguintes tramos educativos (primaria, secundaria,…), algo que xa está ocorrendo.

A proposta de Pacto Educativo finaliza expondo un financiamento que nos equipare con Europa en 2015, aínda que novamente sen dicir canto diñeiro dedicaríase á pública e canto á privada-concertada, cuestión que xa se resolverá entre bambalinas e acordos secretos.

Por que este pacto?

Os últimos tres anos estiveron determinados pola crise económica máis grave que afecta ao sistema capitalista nas últimas oito décadas. En cuestión de meses vimos como miles de empresas pechaban e como millóns de postos de traballo destruíanse. Ante esta situación o PSOE mantivo reiteradamente un discurso demagóxico, facendo fincapé “na defensa dos máis desprotexidos”, pero nos feitos puxo todos os recursos do Estado para rescatar aos bancos e as contas millonarias dos grandes empresarios.

Todas as medidas en favor dos grandes capitalistas foron estériles á hora de reverter a profunda crise que afecta ao Estado español. Con todo a débeda pública xerada polos 200 mil millóns de euros entregados á banca convertéronse nun lastre insoportable.

É por iso que o PSOE tomou unha decisión claramente contraria aos intereses dos traballadores e mozos que lle votaron nas pasadas eleccións. Optou por saír da crise facendo pagar os pratos rotos aos sectores máis desfavorecidos. Visto dende unha panorámica xeral, é evidente que o pacto educativo responde a este xiro á dereita do goberno: ningún investimento para solucionar os problemas que realmente afectan a millóns de familias traballadoras, expulsión do sistema educativo do maior número de estudantes e potenciación da escola privada-concertada. É dicir privatización do ensino, que se transforma nun negocio lucrativo para os empresarios do sector.

O PSOE adopta todas estas medidas pensando que así logrará recuperarse da crise económica. En realidade, o único que logrará con estas medidas é sementar desconfianza e frustración entre a clase obreira e a mocidade, preparando as condicións para o triunfo da dereita.

O PSOE traizoa o seu propio programa

Historicamente a esquerda sempre defendeu a idea de que unha educación pública de calidade serve para loitar contra as desigualdades sociais e promover o progreso dos sectores economicamente máis desfavorecidos. Porén, o que está facendo o PSOE nos últimos anos é precisamente traballar na dirección oposta.

En primeiro lugar, aprobando os coñecidos Plans de Boloña que elitizaron a educación universitaria, introducindo unha barreira económica insalvábel para millóns de mozos procedentes de familias traballadoras a través dos máster e o encarecemento dos estudos universitarios (este ano o prezo das matrículas incrementouse un 23%). Por outra banda, a política de bolsas estase substituíndo por préstamos bancarios, seguindo o modelo preponderante en sistemas educativos como o norteamericano, co consabido negocio para a banca.

Tamén sobre a FP hai prevista unha reforma que suporá un claro retroceso na súa dignificación, favorecendo a “formación” académica directamente nas empresas privadas, fomentando convenios de colaboración con entidades privadas que poidan facer uso das instalacións e materiais públicos sen custo algún e desincentivando na práctica a FP regulada, dando a entender que con tres anos de experiencia laboral poderase optar a unha titulación oficial. E no referente ás comunidades autonómas con gobernos do PSOE, a política non se diferenza en nada da dereita. É máis do mesmo, se non peor, como se pon de relevo en Catalunya coa LEC  como máximo expoñente do fomento da escola privada-concertada (coa entrega adicional cada ano de 316 millóns de euros até 2016).

É necesario levantar unha fronte de esquerdas en defensa da educación pública

O pacto educativo é máis do mesmo. Unha capitulación absoluta ante as presións da dereita. Ante esta realidade é máis necesario que nunca responder dun xeito firme e contundente a todos estes ataques. O pacto educativo pode ser en si mesmo o máis grave de todos eles, xa que supón un retroceso histórico para a educación secundaria.

Dende o Sindicato de Estudantes facemos un chamamento aos sindicatos de profesores, ás organizacións estudantís de esquerdas, a CCOO, UXT e CIG, ás federacións de ANPAS  e especialmente a Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego, para desenvolver unha campaña de mobilizacións en defensa da educación pública, que debe comezar cunha ampla explicación nos centros de estudo do que realmente supón este mal chamado “Pacto pola educación”. Unha campaña que debe ser vinculada á loita contra o resto das contrarreformas que o goberno do PSOE aprobou e que son un ataque directo ás condicións de vida da clase obreira e a mocidade. Só así obrigaremos ao goberno do PSOE a retirar este pacto regresivo e reaccionario.