http://sindicatodeestudiantes.net/images/fotosarticulos/santiago.jpgHai forza para botar atrás o ‘decretazo' da Xunta

O 21 de xaneiro, o sistema educativo público non universitario galego ficou paralizado. Estudantes e profesores respostamos masivamente á convocatoria de folga xeral lanzada polos sindicatos do profesorado (CIG, STEG, CCOO e UGT), o Sindicato de Estudantes e outras organizacións que forman parte da plataforma Queremos Galego, contra o decretazo da Xunta do PP.
Máis de 50.000 persoas abarrotamos a praza do Obradoiro de Compostela e colapsamos o casco histórico da cidade. A Xunta non tivo máis remedio que recoñecer que o 50% do profesorado do ensino público non universitario secundou o paro. A porcentaxe real é, obviamente, moito maior.

A folga perseguía parar o ataque ó idioma lanzado polo PP, que empeza a tomar corpo co reaccionario borrador sobre o "decreto de plurilingüismo": eufemismo co que se pretende recortar o número de materias impartidas en galego.

(Ver análise do borrador en http://sindicatodeestudiantes.net/index.php?option=com_content&task=view&id=494&Itemid=1)

A pesar das bravuconadas do PP, afirmando que vai seguer adiante co decreto, o certo é que a intensa mobilización contra o mesmo está obrigando á dereita a retroceder. O PP plantexaba introducir un terzo de materias en inglés. Agora para Feijoo, o tan cacareado trilingüísmo -punto estrela do seu decreto- é xa só unha "ambición colectiva" á que "hai que aspirar" e segundo o Secretario Xeral de política lingüística da Xunta, "hai que ser realistas" e a implantación do inglés "será gradual, progresiva e ata a estas alturas  atreveríame  a falar de voluntaria". É decir, nada de nada.

O PP, consciente da imposibilidade de aplicar un terzo das materias en inglés, pretendía redistribuír ese terzo do horario letivo entre o galego e o castelán. É aí onde quería aumentar as horas en castelán, en detrimento do galego. Agora, tras tres manifestacións masivas e unha folga, tamén empeza a recular aí: o conselleiro de Educación afirmou estar "aberto a unha serie de cambios" e dixo defender "un equilibrio total entre galego e castelán".

Tamén empezan a suavizar o seu discurso no tocante ó demagóxico "dereito a decidir" dos pais (en relación ó idioma no que se impartirán algunhas materias). Agora dende a Xunta afírmase que "a voz das familias é importante. Cómo a canalicemos, de xeito vinculante ou orientativa, iso hai que velo".

Continuar a loita: pódese gañar

Nembargantes, sabemos que as palabras levaas o vento. Se o PP está dando "marcha atrás" de boquilla  nalgúns puntos, isto débese á extraordinaria resposta dada na rúa pola comunidade educativa. En realidade o PP non leva aínda nin un ano na Xunta e xa sufriu tres manifestacións masivas contra a súa política lingüística, a primeira delas a tan só dous meses de gañar as eleccións.

Non podemos esquecer que hai aspectos clave do decreto que seguen enriba da mesa. Un deles é que abre a porta a que alumnos de entornos castelanfalantes reciban a totalidade da etapa infantil únicamente en castelán. Isto, obviamente, lastraría de por vida a aprendizaxe do galego e acrecentaría o seu retroceso na sociedade.

O PP, agora, ante a enorme presión da mobilización, utiliza o discurso de que eles son dialogantes, que  poden cambiar algunhas cousas, etc., intentando atraer á negociación ós dirixentes sindicais e partidos da oposición. É evidente que non son máis que manobras para tratar de gañar tiempo e arrefríar o ambiente social, á espera de que baixemos a garda e poidan aprobar definitivamente o seu decreto.

Esta loita ten que ter o obxectivo de botar abaixo o decreto, non abonda con algunhas concesións, se é que as houbera. A masividade da resposta, a disposición a loitar e a propia actitude do PP demostran que hai forza máis que dabondo para botalo atrás. Ata o momento, tanto o BNG como o PSOE teñense negado, correctamente, a negociar nada ata que o borrador non sexa retirado. Agora trátase de organizar os seguintes pasos.

Dende o Sindicato de Estudantes pensamos que os dirixentes sindicais de CIG, STEG, CCOO e UGT, xunto ó PSOE, BNG e IU teñen que fixar xa un calendario de mobilizacións, poñendo unha data concreta para unha nova convocatoria de folga, desta volta incorporando á universidade e ós traballadores e estudantes do ensino concertado, tamén afectado por este ataque. Á vez hai que facer unha intensa campaña de asembleas nos colexios, institutos e facultades, para discutir e decidir os plans de acción, hai que impulsar a formación de comités de profesores, pais e estudantes para levar adiante as tarefas que se decidan, e convocar actos públicos en tódalas comarcas para preparar nas mellores condicións o éxito da folga.

Ademáis é preciso ampliar as reivindicacións e vincular a loita contra os ataques ó galego e a petición de demisión do conselleiro de educación, á defensa dunha educación cento por cento pública de calidade, de gratuita, democrática e laica, dotada dos recursos axeitados, para os fillos dos traballadores.