A Xunta do PP lanza un decreto educativo para atacar o galego: Hai que paralo

O 18 de Outubro de 2009, a plataforma Queremos Galego, na que está integrado o Sindicato de Estudantes, convocaba unha mobilización en contra dos ataques ao galego que o PP está levando a cabo e da súa intención de derrogar o decreto do galego no ensino. A resposta foi impresionante, con 100.000 persoas marchando sobre Compostela. A loita contra o PP reiniciábase en Galiza coa segunda maior manifestación dende a chamada transición.
O decreto

O PP presentou o seu proxecto de decreto o 30 de Decembro, en plenas vacacións, para evitar a resposta da comunidade educativa. A pesar da nocturnidade coa que se fixo, non puido evitar que unhas 2000 persoas nos manifestásemos ese mesmo día para rexeitalo.

O Decreto suporá reducir as clases en galego nos centros de estudo ao pasar o seu uso do 50% das materias ao 30%
Tamén establece que un terzo das asignaturas se impartirán en inglés. En primeiro lugar, isto é irrealizable, xa que o PP non vai incrementar os presupostos para garantir profesorado con coñecemento en inglés. Ademais, nas actuais circunstancias aumentaría o fracaso escolar. A única forma de aumentar o coñecemento do inglés é con un aumento drástico do investimento na educación pública, que permita reducir enormemente a ratio de alumnos por aula, garantir profesores de reforzo, desdobres, material didáctico en inglés, etc. Na medida en que isto non vai ser así (de feito o PP está a recortar o gasto educativo), a consecuencia será que máis alumnos fracasarán académicamente e que aqueles que poidan permitirse estudos no estranxeiro, pagar academias privadas, etc., teñan unha situación de vantaxe en comparación coa maior parte dos fillos dos traballadores aos que nos impiden coñecer este idioma.

Na educación infantil, etapa básica na aprendizaxe dunha lingua, existirán centros, especialmente urbanos, nos que se fale 100% en castelán, dado que o decreto establece que se empregará a lingua maioritaria dos nenos, co que na práctica os nenos dun entorno castelanfalante rematarán a educación infantil sen ningún tipo de inmersión lingüística en galego. Isto marcará un deficiente coñecemento deste idioma para o resto das etapas educativas. O PP quere "facer canteira": se dende neno aprendes en castelán e non tes fluidez oral nin escrita en galego, quererás escribir e falar en castelán no resto das etapas educativas.

O decreto establece no resto das etapas educativas que os pais decidirán o idioma a empregar en varias asignaturas. Do 30% de asignaturas en inglés, o decreto di que, se non é viable impartilas nesa lingua -como así será-, serán os pais os que decidan se se imparten en galego ou en castelán. O PP fai demagoxia co suposto "dereito a decidir" dos pais. Por unha parte, se os pais non teñen potestade para opinar respecto aos contidos dunha asignatura, Por que si sobre o idioma? Galiza ten un idioma propio, que é fundamental que todos os galegos dominen coa mesma fluidez que o castelán. E por outra parte, o PP vai a crear un conflito onde non o hai, enfrontando a uns pais con outros, aos pais coas xuntas directivas, etc. É unha política criminal que, de aplicarse, podería crear en Galiza un conflito lingüístico que é obvio que agora non existe.

A situación histórica do galego

O galego e unha lingua historicamente desprezada pola burguesía, que a considera propia de gañáns, e brutalmente reprimida polo franquismo. A dereita non perde oportunidade de menosprezala e incluso acusala de “dialecto”. Aínda sendo a lingua maioritaria, ten sido minorizado polo desenvolvemento do propio sistema capitalista. Para a burguesía é mais cómodo editar, publicar e producir todo no idioma onde teña máis capacidade de mercado (como é o castelán) que realizar investimentos para publicar en galego.

Pola súa parte, o franquismo levou a cabo unha política criminal contra a nosa lingua, reprimindo e encarcerando aos que a empregaban. Isto tivo, obviamente, consecuencias. Por exemplo, hoxe en día é normal atopar no medio rural a anciáns galegofalantes que só son capaces de ler e escribir en castelán.

Incluso hoxe en día subsiste en determinados ámbitos discriminación contra os galegofalantes: algunhas empresas (El Corte Inglés, por exemplo) despediron a traballadores por dirixirse en galego aos clientes.

Durante os anos da Xunta bipartita PSOE-BNG, a dereita axitou coa bandeira da imposición do galego. Porén, nada máis lonxe da realidade. Como demostran as estatísticas , a porcentaxe de persoas que utilizan o galego habitualmente (só falan nesta lingua ou úsana máis que o castelán) reduciuse en tan só doce anos, pasando dun 61% a menos do 39%. Nas cidades máis do 80% fala só castelán ou maioritariamente castelán. O castelán non corre ningún perigo en Galiza. É o galego o que está en retroceso, e por iso debemos defendelo. Non se pode ser neutrais: hai que defender o galego fronte aos ataques e ao abandono da dereita.

Por un ensino público, de calidade, científico e en galego

Conquistar progresivamente un ensino en galego pasa por un incremento presupostario drástico na educación pública, que chegue polo menos ao 7% do PIB. De este xeito, podería garantirse a gratuidade total da educación, desmasificar as aulas para obter unha educación de maior calidade, garantir desdobres, psicólogos e clases de reforzo para combater o fracaso escolar, etc.  Sobre esta base poderían impartirse clases gratuítas de formación en galego, materiais audiovisuais e software na nosa lingua, aumentar o presuposto para a normalización lingüística, etc.
Que non digan que non hai cartos para isto. Que deixen de regalárllelos aos banqueiros e utilicen o diñeiro para resolver os problemas da maioría, garantindo aos fillos dos traballadores un ensino de calidade.

Folga Xeral o 21 de Xaneiro

A chegada do PP á Xunta viu acompañada de continuos ataques (recortes do profesorado nas Escolas Oficiais de Idiomas, eliminación da gratuidade dos libros de texto, recortes nos equipos de normalización lingüística, en axudas á tradución…) Se non prantamos cara a Feijóo, os ataques van  a continuar. É o momento de parar os pés á dereita.
A CIG e o STEG chaman  ao profesorado á folga para o día 21.

O Sindicato de Estudantes chama tamén a todos os estudantes de ensino medio a participar na folga do 21 de Xaneiro, paralizando as aulas e acudindo masivamente á manifestacións.

Igualmente, cremos que os dirixentes de CCOO e UXT deben convocar tamén esta folga, para garantir que o éxito sexa total e consiga frear ao PP, que intentará estender os ataques no terreo social e económico a todos os ámbitos.

Paremos a Feijóo!!
Basta de ataques ao galego. Abaixo o decreto do PP!!
Basta de recortes ao ensino público e aos gastos sociais!!
7% do PIB para o ensino público!!
Os cartos dos banqueiros para o ensino en galego!!