No se puede mostrar la imagen “http://sindicatodeestudiantes.org/images/mani221008/santiago.jpg” porque contiene errores.Neste inicio de curso estase insistindo desde os medios de comunicación e o goberno na necesidade de impulsar un “gran pacto educativo”. Pouco se sabe do contido e das medidas concretas que incluiría. O que si está claro é cal é o modelo do PP, principal partido ao que vai orientado o ofrecemento do goberno.
A secretaria xeral do PP xa manifestou claramente sobre que bases é posible ese pacto: “Queremos […], garantir a igualdade de todos os mozos e mozas, garantir a liberdade dos pais de elixir a educación que queren e buscar a mellora da calidade a través de sistemas de avaliación, da participación do profesorado e da recuperación de valores como o esforzo e o mérito”; toda unha mostra da demagoxia que a dereita sempre utiliza para xustificar a privatización do ensino público a través das subvencións á privada-concertada (para manter a “liberdade de elección dos pais”), o endurecemento da selectividade (a través de sistemas de avaliación que melloren a calidade) e a expulsión de miles de mozos do sistema educativo por falta de recursos económicos e apoio específico mediante profesores de reforzo, coa introdución soterrada dos itinerarios educativos, que marxina ao estudantado con máis dificultades, (en prol de valores como o esforzo e o mérito).
En Galiza, o novo goberno do PP, que chegou ao poder en base á abstención masiva da clase traballadora, que, descontenta coas políticas do bipàrtito non acudiu a votar,  xa está a tomar as primeiras medidas contra o ensino público (redución drástica do número de beneficiados pola gratuidade dos libros até a súa práctica eliminación, adxudicación de 1000 millóns de euros á ensinanza concertada para os vindeiros cinco anos [para iso non estamos en crise] ou a pretensión de derogar o decreto de galego e demais ataques contra o noso idioma).

Campaña histérica sobre a violencia xuvenil

          Paralelamente a isto  deuse unha volta de torca na campaña de criminalización da mocidade. Acontecementos puntuais como os enfrontamentos entre mozos e policías nas festas de Pozuelo de Alarcón, froito dunha provocación policial, están sendo utilizados como marco ideolóxico para xustificar as medidas represivas como as anunciadas por Esperanza Aguirre en Madrid, pero que tratan de exportar ao conxunto do Estado. Medidas como a Lei de Autoridade do Profesor, que dá categoría de “autoridade pública” ao profesorado, como sucede cos xuíces ou policías, coas consecuentes implicacións, como a “presunción de veracidade” do profesor, que en caso de declarar versións contraditorias cun pai ou un alumno, sempre terá razón. Na mesma liña nostálxica do franquismo, Esperanza Aguirre propuxo volver pór tarimas para o profesorado nas clases. Un gasto económico superficial que en nada mellorará a calidade do ensino.
          Se no canto de guiarnos polos programas sensacionalistas e noticias acerca dun suposto aumento da violencia escolar, achegámonos aos últimos estudos realizados respecto diso, por exemplo, o informe do Defensor do Pobo sobre violencia escolar, nel poderemos ler o seguinte:
          “O panorama dos malos tratos entre iguais por abuso de poder mellorou nestes anos, en que a incidencia dos malos tratos tendeu claramente a diminuír, […], a porcentaxe de incidencia total das vítimas de insultos pasa do 39,1% ao 27% e a de vítimas de motes ofensivos do 37,7 % ao 26,6%. Tamén diminúen as porcentaxes declaradas de vítimas doutras condutas máis graves...”
          “A incidencia dos conflitos dos alumnos e alumnas cara ao profesorado e deste cara aos estudantes non ten aumentado nin diminuído nos últimos sete anos (1.999-2006)”
          “[Cara aos profesores] Os “roubos” e a “intimidación mediante ameazas”  son menos, e as “agresións físicas directas” son pouco frecuentes.”
          “Convén facer unha chamada de atención a administracións e institucións relacionadas coa educación, e tamén aos medios de comunicación, a fin de que extremen o exercicio da súa responsabilidade á hora de presentar e difundir datos relacionados coa violencia escolar, evitando a xeración de estados de preocupación ou alarma social entre os cidadáns” (a énfase é nosa).
Deterioro das infraestruturas

          No fondo deste “debate” atópase a intención de continuar a política de ataques aos dereitos democráticos do estudantado e, sobre todo, desviar a atención do problema de fondo da educación pública, a falta de investimento, algo que, a tan só unhas semanas do inicio de curso quedou de novo patente, con máis de 3.200 barracóns en institutos poboando todo o Estado e decenas de miles de non admitidos en FP e Universidade. Estes, e non outros, son os verdadeiros problemas da educación pública. A esta situación hai que engadir aulas sen acondicionamento, falta de prazas en garderías públicas (30.000 non admitidos este ano só na Comunidade de Madrid), centros que se caen (como o pasado 28 agosto un centro infantil de Móstoles) e un longo etcétera ao que, por desgraza, ano tras ano asistimos nestas datas.
          Unha verdadeira política de esquerdas no terreo educativo é a única base para unha mellora da calidade educativa. Con todo, e a pesar dos discursos do goberno sobre a importancia da educación como investimento de futuro, os orzamentos xerais presentados para o ano 2010 pouco teñen que ver con estas aspiracións, cun pírrico 3,4% de aumento en educación, 3.089 millóns de euros en total, unha cifra irrisoria comparada cos 200.000 millóns de euros postos a disposición da Banca no último ano. É neste contexto no que o goberno intenta un pacto pola educación coa dereita, un pacto que pasaría por aceptar recortes nos dereitos democráticos, privatización da educación pública, etc. Este é o único pacto que o Partido Popular está disposto a asinar, un pacto contra a educación pública. Ese non é o pacto que necesitamos as familias obreiras, o que é necesario é un aumento drástico do investimento no ensino público, en bolsas e que revirta o proceso de privatización que houbo nas últimas décadas, así como garantir un posto de traballo fixo e digno ao rematar os estudos.  

CONTRA O CAPITALISMO,  IDEAS REVOLUCIONARIAS ¡AFÍLIATE PARA LOITAR!

          Desde o Sindicato de Estudantes cremos que existe unha alternativa ao caos e desigualdade que este sistema xera. Esta alternativa é a loita pola transformación socialista da sociedade e foi defendida fai moito tempo por Marx e Engels no Manifesto Comunista, un pequeno libro que reeditamos recentemente, e que venderemos a 2 euros durante os próximos meses en institutos e facultades. Animámoste a que participes na campaña do Manifesto Comunista póndote en contacto connosco. Ademais, desde o Sindicato de Estudantes facémosche un chamamento para que te organices connosco. A loita por unhas condicións de estudo, de traballo e de vida dignas requiren que nos organicemos; é a unidade e a organización o que nos fai fortes. Por iso invitámoste a que te afilies ao Sindicato de Estudantes (a través da nosa páxina web www.sindicatodeestudiantes.org) , a legalizar a Asociación de Alumnos do Sindicato de Estudantes no teu instituto, e se és conselleiro escolar, a que te fagas conselleiro escolar do Sindicato de Estudantes enviándonos cuberto o papel que che adxuntamos. Estos trámites permitiríanos poder estar recoñecidos legalmente para que a Administración se sinta máis presionada e, ademais, ter outras vantaxes como ter dereito a un local dentro do Instituto para a Asociación, etc. O Sindicato de Estudantes leva máis de 23 anos de existencia demostrando que a loita é o camiño para solucionar os problemas da mocidade. Agora temos que volver levantar a bandeira para conseguir unha educación digna e de calidade.