O Sindicato de Estudantes é a organización de esquerdas máis combativa do Estado español. Dende a súa fundación, no ano 1985, o Sindicato de Estudantes loita en defensa dun ensino público, laico, gratuíto, científico e de calidade para os fillos dos traballadores.

O Sindicato de Estudantes é a organización de esquerdas máis combativa do Estado español. Dende a súa fundación, no ano 1985, o Sindicato de Estudantes loita en defensa dun ensino público, laico, gratuíto, científico e de calidade para os fillos dos traballadores. Somos nós os que sufrimos a ausencia de bolsas, a carestía das taxas, transporte, aloxamento e libros; a masificación nas aulas, a falta de infraestructuras e as dificultades para compatibilizar estudo e traballo. Os fillos dos ricos, que estudan no ensino privado, non teñen os nosos problemas.
Para a burguesía, investir na Universidade pública é malgastar os cartos. Dende o punto de vista dos grandes empresarios, “sobran” licenciados.
Pero dende a perspectiva das necesidades sociais, é evidente que se precisan máis. Máis licenciados en Ciencias da Saúde para desmasificar a sanidade pública, máis docentes para mellorar a calidade da Educación, máis arquitectos para construír vivendas sociais, etc.
O problema é que os intereses dos traballadores e os seus fillos chocan cos da ínfima minoría que é dona das multinacionais e os bancos.

A situación da USC

A loita por unha universidade pública atópase na encrucillada. A aplicación da LOU, contra a que todos loitamos, supuxo un paso máis na privatización do ensino universitario. É unha onda que se estende por Europa, ameazando o modelo de ensino público en nome dos criterios mercantilistas do capitalismo neoliberal. Temos o caso de Gran Bretaña, cunha suba do 200% das taxas universitarias, que as situou nos 3.000 euros. Tamén en Alemaña, a gratuidade do ensino superior, unha conquista histórica dos traballadores, está a piques de ser tirada pola borda. Ademais, prepáranse planos semellantes en Italia e Portugal. Vemos como, baixo a “converxencia no espazo universitario europeo” ou Declaración de Boloña, se camuflan medidas como a substitución de bolsas por préstamos con interese, a implantación de selectividades interciclo, a perda de créditos docentes (co aumento de carga de traballo para o alumno) ou a suba brutal das taxas, en aras da mellora da “excelencia”. Exemplos ben concretos témolos cerca de nós, na propia USC, que está comezando a implantar aspectos da Declaración de Boloña en determinadas carreiras (Bioloxía ou Psicoloxía), con resultados bastante chapuceiros. Ou, sen ir máis lonxe, coa suba dun 5% das taxas académicas este curso (os salarios non soben tanto, que saibamos). A isto engádese a política de desmantelamento das residencias públicas emprendida polo reitorado, con medidas como o peche da residencia do Monte do Gozo (que significará a perda de 300 prazas) ou a suba acumulada dun 21% nos prezos públicos das residencias entre este curso e o que vén. A alternativa que nos ofrecen é pagar alugamentos desorbitados por auténticos “zulos”.
As escusas que nos ofrece o reitorado é o inmenso endebedamento de 35 millóns de euros que ten a USC. O que non nos explican é como se chegou a esta situación, queréndonos facer pagar o pato a nós cando eles son os culpables. En primeiro lugar, debemos agradecerlle ao anterior reitor, Darío Villanueva, a súa política de obras faraónicas e gastos desorbitados, chegando, no cumio do despropósito, a investir en Bolsa os cartos de todos, con resultados funestos, por certo.
En segundo lugar, non podemos esquecer o papel da Xunta do PP, que nega un plan de financiamento axeitado para o sistema universitario galego, mentres non para de subvencionar o ensino privado e propicia a futura instalación dunha universidade privada. Din que non hai cartos, pero ¿quen pagou a intervención militar (cun custe superior aos 356 millóns de euros) do exército español en Iraq? O que pasa é que á dereita non lle interesa un ensino público de calidade, considera que son cartos “perdidos” ao ir dedicados a formar futuros traballadores lixo. ¿Cal é a perspectiva laboral que nos ofrece a dereita ao rematar a carreira, un Mactraballo ou un Teleemprego?
Ante a gravidade da situación económica, o actual equipo reitoral reaccionou con parches como a concesión dun crédito de 5 millóns de euros polo SCH, o que vai significar deixar o futuro da nosa universidade en mans dos bancos. A súa inoperancia e submisión á Xunta do PP reflíctese na súa negativa de dar a batalla por máis cartos públicos ante a Consellería, cedendo á política de esganar economicamente á Universidade. Aínda máis: aprobou un plano de financiamento que supón graves ataques aos sectores máis febles da comunidade educativa, PAS e estudantes. A aplicación deste plano vai supoñer a perda de postos de traballo entre o persoal administrativo (en Filoloxía, unha soa secretaria atende catro departamentos). E nós, os estudantes, vemos como se van pechar residencias e como van subir aínda máis as taxas académicas.

A loita sirve

Dende o Sindicato de Estudantes, organización combativa de esquerdas, pensamos que a única solución é a loita, a defensa contundente dunha universidade galega pública, crítica, participativa e de calidade, con medios suficientes para garantir un posto de traballo digno ao rematar a carreira. A loita na rúa si serve, como amosaron as masivas mobilizacións contra a LOU, a catástrofe do Prestige e a guerra de Iraq, que contribuíron decisivamente á derrota electoral do goberno do PP.
A chegada ao Goberno do PSOE foi o producto da mobilización masiva, primeiro na rúa e despois nas urnas, dos traballadores e a mocidade. Pero nunca ninguén nos regalou nada. Tódolos avances nas nosas condicións de estudo ou de traballo foron sempre a consecuencia da loita.
Por iso, dende o Sindicato de Estudantes chamamos a continuar as mobilizacións, para presionar ao novo Goberno para que derrogue a LOU, lei segregacionista, privatizadora e antidemocrática.
As eleccións ao Claustro Universitario constitúen unha oportunidade de reflectir o noso descontento coa política privatizadora na USC, entendendo que esta non é a vía principal para loitar polo noso futuro, máxime nun Claustro con criterios de representación antidemocráticos (só temos un 25% de representación) e baleiro de competencias trala aplicación da LOU. Por iso, tamén é importante ter representantes estudantís combativos, que denuncien os ataques da Xunta e do equipo reitoral, e con forza, para conquistar melloras concretas nos dereitos dos estudantes. Nestes últimos dous anos, os representantes do Sindicato de Estudantes levaron ao interior do Claustro a voz da loita contra a LOU, a marea de dignidade contra a burla negra do Prestige e o berro de NON Á GUERRA IMPERIALISTA, ademais da perspectiva de que outra educación é posible nunha sociedade na que a maioría dos recursos estean nas mans da maioría da sociedade: traballadores e estudantes.

Vota ó Sindicato de Estudantes nas eleccións ó Claustro para defender este programa:

  • Basta de ataques á Universidade pública.
  • Derrogación da LOU. Por unha reforma educativa en beneficio dos fillos dos traballadores.
  • 4% do PIB para a Educación Superior pública. Con isto podería garantirse:
    • Supresión total das taxas: universidade pública gratuíta
    • Bolsas-salario
    • Residencias a prezo social
    • Incremento drástico de prazas universitarias para garantir o acceso directo á carreira solicitada en primeira instancia (supresión da selectividade)
  • Que a Xunta pague a crise da USC!
  • Un posto de traballo digno ao rematar os estudos ou subsidio de desemprego indefinido ata atopalo
Organízate con nós para loitar