Derrotamos á dereita. A mobilización permanente dos dous últimos anos permitiu desaloxar á dereita do Goberno central. E os estudantes tivemos un papel protagonista.
A mobilización estudantil
Tralas eleccións municipais, tódolos voceiros da burguesía cansaron de repetir que, pese ás mobilizacións contra a guerra imperialista, nada cambiara. A mobilización pasou a un segundo plano e os escépticos que auguraban mil anos de goberno do PP ergueron a testa. Por desgracia, os dirixentes da esquerda deron estas análises por boas. O Sindicato de Estudantes convocou en defensa do ensino público o pasado 4 de marzo, a dez días das eleccións xerais, unha xornada estatal de loita para demostrar a falsidade desta análise e que o camiño para derrotar á dereita era o camiño da mobilización. Máis de 100.000 estudantes saímos ás rúas do Estado español. En Galiza, a folga paralizou os institutos e celebramos manifestacións ou concentracións en Compostela, Coruña, Lugo, Ferrol, A Estrada e numerosos concellos.
Os acontecementos sucedidos tralos dramáticos atentados do 11-M en Madrid confirmaron a nosa análise. Non quedamos de brazos cruzados. Ó día seguinte, 12 de marzo, o Sindicato de Estudantes convocou unha folga xeral e concentracións. Nesa convocatoria, ademais de render un homenaxe ós nosos mortos, advertiamos contra os intentos da dereita de recortar os dereitos democráticos e, entre eles, os dereitos das nacionalidades oprimidas do Estado español, coa escusa da “guerra contra o terrorismo” (o comunicado está na nosa web). A dereita non conseguiu enganarnos e a rabia acumulada contra o PP estoupou fronte as súas sedes durante a “xornada de reflexión”.
Equivocábanse aqueles que afirmaban que para gañar unhas eleccións era necesario “moderar o discurso” e gañar o “voto de centro”. A dereita foi derrotada pola marabillosa mobilización social destes dous últimos anos, desde as loitas contra a LOU e a Lei de “Calidade” ata as folgas xerais do 15-X de 2001 en Galiza ou a estatal do 20 de xuño de 2002, pasando polas loitas do Prestige ou contra a guerra imperialista en Iraq.
Agora, o novo Goberno ten que cumprir o programa polo cal foi votado e facer unha política en beneficio das familias traballadoras e os seus fillos.
O PP continúa atacando en Galiza
Non obstante, os estudantes galegos seguimos sufrindo as políticas reaccionarias do PP.
Nun acto de chulería, a Xunta continuou desenvolvendo a mal chamada Lei de Calidade. Un exemplo é aplicar unha das medidas máis antidemocráticas que contempla a lei: o director pasará a ser elixido a dedo pola administración, para actuar como un axente da Xunta dentro do instituto. Non é o único exemplo. Mentres que o Goberno de Zapatero e tódalas comunidades autónomas, menos as gobernadas polo PP, formularon que paralizarán a aplicación da Lei de “Calidade”, Fraga está tratando de seguir adiante coa súa aplicación.
E mentres Fraga asina decretos para presentarse como o gran “galeguista” a realidade é que a dereita nos despreza e o demostra cada día, como cando prohibiu os carteis de Nunca Máis dentro dos institutos ou cando sigue marxinando a nosa lingua no ensino. A dereita despreza por completo o galego e consinte o incumprimento da lei.
Pola defensa da nosa lingua
O decreto 247/95 recoñece o galego e o castelán como idiomas oficiais en Galiza e establece un mínimo de materias que se teñen que impartir en galego. A realidade é que as clases dominantes sempre desprezaron o noso idioma. Ningún decreto “oficial” –e menos do PP– solucionou este problema e só a loita da clase obreira polos dereitos democráticos nacionais obrigou á burguesía a facer algunhas concesións limitadas.
O Sindicato de Estudantes defende un ensino completamente en galego. Ademais, o decreto, na práctica facilita que no ensino concertado se discrimine moito máis o uso da nosa lingua e introduce unha división lingüística entre os traballadores do ensino, xa que a Xunta non garante a aprendizaxe do galego ó profesorado. Este problema só se pode resolver se a Administración pon os medios necesarios para que calquera traballador aprenda de forma gratuíta o noso idioma no seu horario laboral.
Pero para a burguesía, todo aquelo que non xera ingresos para os seus petos é prescindible. Baixo o capitalismo, a cuestión lingüística tamén é unha cuestión económica, por riba de calquera outra consideración. Por iso, só coa mobilización poderemos obrigar á burguesía e ós seus representantes políticos a que invistan os recursos necesarios para potenciar o galego.
Por estas razóns, o Sindicato de Estudantes súmase á xornada de loita convocada para o vindeiro 28 de abril. É necesario que tódalas organizacións xuvenís de esquerdas, xunto cos sindicatos de profesores, nos mobilicemos unidas para loitar contra o deterioro da calidade do ensino público, contra o recorte dos dereitos democráticos dos estudantes e pola galeguización do ensino.
Fóra o PP da Xunta
Botamos o PP da Moncloa e agora hai que botalo tamén da Xunta. Esto poríanos nunha mellor situación para conseguir as nosas reivindicacións. Necesitamos unha reforma educativa que resolva os nosos problemas, cun incremento drástico do investimento no ensino público, que permita desmasificar as aulas, dotar os centros de infraestructuras suficientes (ordenadores, canchas, calefacción, laboratorios, bibliotecas...), galeguizar o ensino, así como incrementar as bolsas, garantir libros de texto gratuítos e dispoñer de suficiente persoal especializado (técnicos de normalización lingüística, psicólogos, profesores de reforzo para aqueles alumnos que vaian peor...). A aprendizaxe e potenciación da nosa lingua necesita medios suficientes: necesítase un drástico incremento do investimento en cine, teatro, libros, cómics, etc., en galego e que ademais estes servicios sexan a prezos populares e non como ata agora, que seguen sendo monopolio dos sectores acomodados.
Pero os nosos problemas non rematan no centro de estudos. Ó rematar de estudar, os mozos de clase traballadora enfrontámonos ó paro, á precariedade laboral, ós baixos salarios, a xornadas de traballo esgotadoras e á imposibilidade de acceder a unha vivenda. Estes son os problemas que as organizacións de esquerda deben solucionar. Unha Xunta gobernada por PSdeG-PSOE e BNG podería comezar a resolvelos. Pero resolvelos de xeito definitivo só será posible se eses partidos se dotan dun programa claramente anticapitalista.
Lograr un ensino de calidade, a potenciación da nosa lingua, un emprego e unha vivenda digna só é posible arremetendo contra os grandes empresarios, para poder utilizar as súas inmensas fortunas en beneficio da maioría da sociedade. Os recursos necesarios para garantir unha vida digna a toda a poboación existen, pero están nas mans dun feixe de parásitos, de grandes banqueiros e millonarios, de explotadores como Amancio Ortega, que só os utilizan en beneficio propio. Necesitamos expropiar a esa ínfima minoría da sociedade para poder resolver os problemas da inmensa maioría. Este é o único programa realista. Intentar “xestionar” o capitalismo dunha forma “máis humana” si que é unha utopía. O PSOE e o BNG deben armarse con este programa para loitar consecuentemente en defensa dos mozos e os traballadores.
Necesitamos organizarnos
A nosa xeración vai vivir peor ca dos nosos pais. Por iso, loitar para rematar có capitalismo é unha necesidade. Necesitamos organizarnos para loitar por unha sociedade autenticamente socialista, na que os resortes fundamentais da economía estean en mans dos traballadores, para poder poñelas a funcionar có obxectivo de satisfacer as nosas necesidades e non para o lucro dun puñado de parásitos.
¡¡Afíliate ó Sindicato de Estudantes!! ¡¡Organízate e loita con nós!!
- Derrogación da LOU e a Lei de “Calidade”. Por unha reforma educativa en beneficio dos fillos dos traballadores.
- Pola galeguización do ensino. Tódalas clases en galego. A Administración ten que poñer tódolos recursos para que calquera traballador aprenda a lingua gratuitamente dentro da súa xornada laboral.
- Plan de investimento de choque para mellorar a calidade do ensino público e potenciar o uso do galego
- Nin un euro ó ensino privado. A educación non é un negocio. Non ó adoutrinamento relixioso nin reaccionario.
- Fóra o PP da Xunta. Por unha Xunta PSOE-BNG cun programa de esquerdas.
- Por un posto de traballo digno e estable ó rematar os estudos.