Luns 13 de febreiro dende as 12:00 ás 13:00 na quenda de mañá
E dende 17:20 ás 18:20 na quenda de tarde

O CIFP Manuel Antonio é un dos centros de formación profesional máis grandes da provincia de Pontevedra, xa que conta con 1600 alumnos e máis de 30 ciclos formativos.

Nos últimos anos, debido ós recortes na educación levados a cabo polo PP, as condicións empeoraron considerablemente no centro, tanto dende un punto de vista educativo coma material: maquinaria obsoleta en todos os ciclos, ausencia de material, uso de alimentos caducos nos ciclos de hostalaría, instalacións eléctricas en mal estado –produciuse este ano un pequeno incendio no laboratorio téxtil–, profesores obrigados a impartir materias que non se corresponden coas súas competencias, ausencia de saídas de emerxencia, ramplas de acceso e elevadores para persoas con mobilidade reducida…


Ante esta vergonzosa situación, a dirección do centro non só non fixo nada, senón que ademais intenta tapar por todos os medios a situación ocultando información ós inspectores e obrigando ó alumnado a dar clase en aulas que non son seguras.
Despois de varios meses de diálogo coa dirección –que non moveu aínda un dedo–, realizouse unha asemblea de alumnos co Sindicato de Estudantes na que se aprobou por unanimidade unha concentración na porta do centro.
Cremos que a loita é o único camiño. Se a dirección do centro non da mostras de arranxar a situación, continuaremos coas mobilizacións. Por iso, dende o Sindicato de Estudantes animamos a todos os alumnos/as do Manuel Antonio e de todas as FP de Vigo e ós profesores a sumarse a esta loita.

Os alumnos esiximos:

 Que non se tomen represalias contra o profesorado que apoia ós alumnos –cousa que sabemos que está a suceder–,
 Listaxes de profesorado substituto capacitado para cubrir baixas laborais con maior rapidez e asignar profesores especialistas na materia a impartir garantindo a calidade educativa,
 Que se cumpran os obxectivos educativos,
 Maior inversión en material e modernización do existente,
 Cumprimento das condición de seguridade mínimas,
 Que non teñan efectos académicos as faltas de asistencia e amoestacións postas por non acudir ás aulas que non cumpren as condicións de seguridade,
 Mellora do mobiliario e elementos internos (electricidade, calefacción, fiestras…),
 Inversión en accesibilidade e adaptación da infraestrutura do centro para persoas con mobilidade reducida,
 Maior oferta de ciclos superiores en horario diúrno.


POR UN ENSINO PÚBLICO DIGNO, DEMOCRÁTICO, GRATUÍTO E DE CALIDADE!!!