En defensa da Universidade pública para os fillos e fillas dos traballadores
Os pasados 13 e 14 de abril, a mocidade protagonizou unha folga estudantil en todo o Estado español que paralizou a educación pública. 2,4 millóns de estudantes baleiramos as aulas de institutos e universidades e saímos á rúa en máis de cen localidades para dar un NON rotundo a todos os recortes e ataques ó ensino público e esixir a inmediata derrogación da LOMCE e do 3+2. Con esta folga masiva volvemos a deixar claro que non imos aceptar que se manteñan as políticas a favor dunha elite de privilexiados que rouba a mans cheas o patrimonio público e logo o evade a paraísos fiscais. ¡Non aceptamos os seus recortes nin o seu argumento de que non hai cartos!
Usar tamén o Claustro para denunciar os seus ataques
Dende o Sindicato de Estudantes temos clarísimo que o claustro universitario é un órgano onde os estudantes estamos infrarrepresentados e que só mediante a mobilización masiva imos frear estes ataques. Pero non debemos permitir que a dereita teña maioría e por iso pedímoste que votes ós candidatos do Sindicato de Estudantes.
Se ben a mobilización na rúa é o decisivo, dende o Claustro tamén podemos obstaculizar os intentos de aplicar na USC o 3+2, que pretende botar fóra da universidade ós fillos e fillas dos traballadores.
Os grandes capitalistas preparan novos ataques
Xa sabemos cales son os plans dos capitalistas para os vindeiros meses. A Comisión Europea xa esixiu ó goberno do Estado un novo recorte de 2.000 millóns de euros e advertiron que se trata só do principio dun plan para recortar decenas de miles de millóns de euros máis. Como sempre, quererán sacalo da nosa educación e da nosa sanidade. Por iso temos que unirnos e prepararnos para responder, goberne quen goberne finalmente.
Por outra banda, as nosas compañeiras e compañeiros de Francia chamaron a toda a mocidade de Europa a mobilizarnos conxuntamente no aniversario do 15M e volver a ocupar as prazas contra os recortes e os ataques ás nosas condicións de vida, e pola defensa dos nosos dereitos. Desde o Sindicato de Estudantes apoiamos este chamamento e animamos a participar nas mobilizacións que se convoquen.
Por todo isto, chamámoste a votar ó Sindicato de Estudantes, e tamén a organizarte con nós para seguir loitando por un ensino público, de calidade e gratuíto.
NAS ELECCIÓNS Ó CLAUSTRO, VOTA SINDICATO DE ESTUDANTES
A votación será mediante voto electrónico, a través da páxina da USC (www.USC.es), entre as 09:00 e as 19:00 horas do mércores 4 de maio.
Basta de ataques ó ensino público, paremos o 3+2
Ensino gratuíto para os fillos e fillas dos traballadores