Convocatoria de prazas docentes para lingua e literatura galega xa!
A Xunta de Galiza leva oito anos sen convocar prazas de lingua e literatura galega e pretende non facelo tampouco nesta convocatoria de oposicións! Que vai ocorrer cando os mestres teñan que se xubilar? Quen vai substituír ao docente cando este ou esta estea de baixa? Nada disto preocupa á Xunta.
A Dereita despreza o galego e considérao unha lingua de pailáns. Os grandes empresarios consideran o galego un obstáculo para os seus negocios fora de Galiza e o seu partido, o PP, defende os seus intereses marxinando o galego. Dende a chegada de Feijoo á Xunta, o orzamento educativo recortouse en nada menos que 335 millóns de euros. Isto supuxo o despedimento de 3.000 docentes, a quebra da universidade de A Coruña, e o peche de ducias de centros públicos no rural, entre outras cousas. E no caso da nosa lingua, a teima anti-galego da Xunta expresouse nun recorto do 70% do orzamento para normalización lingüística….E agora isto!
Dende o Sindicato de Estudantes esiximos a inmediata convocatoria de prazas públicas para esta materia.
A continuación reproducimos a nota de denuncia que nos achegaron un grupo de graduados en filoloxía galega para contribuír a dar a coñecer esa situación e poñémonos a súa disposición para presionar á Xunta.
"O pasado 29 de outubro anunciouse a convocatoria de oposicións para a docencia de 1000 prazas, repartidas entre varias especialidades. Unha delas non foi lingua e literatura galega, tal e como leva sucedendo dende hai xa 8 anos, pois a última foi no 2008. Son moitas as razóns que nos levan a solicitar unha renovación inmediata do corpo docente desta especilidade. En primeiro lugar, existe unha forte demanda, pois os/as docentes que comezaron a impartir esta materia remóntanse aos anos 80, coa incorporación do galego ao currículo escolar, o que fai lóxico que agora se xubilen. En segundo lugar, a materia é común para todos os cursos académicos da ESO e bacharelato, polo que o número de horas é superior a moitas materias, polo tanto, o número de postos a cubrir tamén é maior. Ante esta situación, a Consellería de Educación de Galicia non creu conveniente cubrir estes postos, mais si o fixo noutras especialidades, como lingua e literatura castelá, a cal se atopa exactamente na mesma situación (mesmo número de horas lectivas e 8 anos dende a última oposición), o cal nos fai pensar nunha razón máis política que técnica. Unha vez máis vemos como o galego é marxinado dende o goberno autonómico, sen que os sindicatos ou os partidos políticos o denuncien publicamente. Dende aquí pedimos a máxima difusión. Precisamos que o ensino siga sendo de calidade e en galego. Compartide e axudádenos a que non nos silencien."