No pasado ano, tres estudantes composteláns foron detidos días despois de participar nunha concentración en contra da presenza de Núñez Feijoo na universidade. O presunto delito que se lles imputou foi o de atentado contra a autoridade, e a fiscalía pediu, nada menos, que 3 anos de cárcere para cada un!
Mentres que a poboación asiste atónita ao roubo de millóns de euros públicos por parte de capitalistas e de políticos burgueses corruptos, a xustiza, teledirixida por eses mesmos, impón penas de cárcere contra estudantes e traballadores que se enfrontan ao seu saqueo.
Estes tres estudantes, finalmente víronse obrigados a chegar a un acordo coa fiscalía, xa que perder o xuízo implicaría entrar na cárcere. O acordo impón a cada estudante 15 meses de prisión, aínda que se estes non cometen ningún “delito” en dous anos, non entrarán na cadea.
No último período estamos a asistir a unha gravísima oleada represiva por parte do goberno. Os capitalistas saquean os cartos públicos para rescatarse a si mesmos, e cando a clase traballadora e a mocidade loita contra este saqueo, o goberno dos ricos recorre á represión, impoñendo penas de cárcere a estudantes, sindicalistas e activistas sociais, como no caso do mozo vallecano Alfon ou dos traballadores vigueses Carlos e Serafín.
É urxente tombar a este goberno reaccionario. Precisamos dun goberno da esquerda combativa que derogue toda a lexislación represiva, como a lei mordaza, e que se enfronte aos grandes capitalistas.
E tanto para lograr ese cambio de goberno, como para empurrar ao novo na dirección axeitada, temos que estar organizados e mobilizados.
Abonda xa de criminalizar a protesta social!!