O pasado xoves 15 de outubro os alumnos de Podoloxía e Enfermería da Universidade da Coruña coñecían, tras unha reunión coa decana e o vicedecanato da facultade, a intención por parte destes responsables de suspender con carácter inmediato a realización das prácticas clínicas desenroladas nos laboratorios e na propia Clínica Universitaria de Podoloxía.
Os motivos para dita paralización son a imposibilidade de afrontar os custos que supoñen ditas prácticas. A esta situación se chega tras uns recortes orzamentarios que nos últimos anos supuxeron unha redución de máis do 50% no tocante a mobiliario e material, e unha redución dun 35% do presuposto inicial de cada facultade comunicado polo Vicerreitorado de Planificación Económica e Infraestruturas en nota informativa do pasado 11 de setembro deste mesmo ano.
As consecuencias desta suspensión son de enorme gravidade xa que as prácticas supoñen o 50% da carga lectiva do grao, por tanto non poderían acceder nin á titulación nin ás becas correspondentes. A única alternativa que a dirección da facultade puxo enriba da mesa é que sexan os propios alumnos os que paguen do seu peto o custo do material funxible imprescindible para afrontalas prácticas, ¡Un broma de moi mal gusto! Atopámonos agora ante a realidade das políticas clasistas do PP, se alguén quere estudar que o pague do seu peto.
Estes últimos catro anos de goberno do PP, caracterizados por recortes salvaxes contra os dereitos e as condicións de vida da xuventude e os traballadores, son os responsables de poñer en risco a supervivencia de tódolos servizos públicos, entre o que se atopa a universidade pública, a maior conquista dos nosos pais no terreo educativo. Iso é o que nos estamos a xogar se lles permitimos que apliquen ás leis que veñen de aprobar, porque os ataques que agora se centran nas estudantes de podoloxía i enfermería mañá se centrarán nos estudantes de enxeñería, de humanidades,...
Por iso animamos a tódolos estudantes do campus de Ferrol, pero tamén a toda a xuventude e aos traballadores a participar nesta loita por impedir que os recortes impidan que os graos de enfermería e podoloxía se desenrolen con normalidade.
¡ NON ÓS RECORTES EN ENFERMERÍA E PODOLOXÍA!
¡ POR UNHA EDUCACIÓN PÚBLICA E DE CALIDADE !