¡¡Basta de recortes!!
Actualmente a UDC atópase paralizada economicamente debido á falta de financiamento e recursos para levar a cabo con normalidade a súa actividade formativa. Así atopamos que non se poden repoñer consumibles ou papel para as fotocopiadoras, non se poden adquirir libros para as bibliotecas nin enviar paquetes ou correo a través do servizo postal. Este problema é, unha vez máis, derivado da política clasista do Partido Popular que desde o inicio da lexislatura pretende destruír completamente a educación pública e evitar o acceso dos fillos dos traballadores á universidade.
Neste caso o fin último é afogar economicamente ao Campus da Coruña co obxectivo de obrigar a establecer unha unificación de graos pechando facultades (a proposta oficial fala da “fusión” de 6 facultades e 2 politécnicas) o que implicaría por unha banda o despedimento de centos de profesores e de persoal administrativo e, doutra, nun contexto no que as axudas a desprazamentos e as bolsas desapareceron, esta medida serviría tamén para expulsar a miles de estudantes de familias humildes do sistema.
Cabe destacar a hipocresía do Goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza que mentres debe 2,8 millóns de euros á UDC entrega sen reparos 302.500 € a Enrique Iglesias para a realización dun videoclip musical con supostos fins “culturais”. Por non falar do Goberno central que mentres recorta millóns de euros en sanidade e educación entrega miles de millóns aos banqueiros e aos empresarios.
Desde o Sindicato de Estudantes tamén queremos denunciar as propostas realizadas por algunhas instancias da UDC consistentes en solicitar financiamento a empresas privadas que o único que traerían consigo sería a imposición dun ensino mercantilizado e degradado cuxo fin último sería utilizar aos estudantes como man de obra barata.
Basta de regalar diñeiro a banqueiros e empresarios!!!
Por un financiamento completamente público e suficiente da UDC!!!
Inxección económica urxente por parte da Xunta!!
Fóra as empresas privadas da educación pública!!!