22 de outubro e 13 de novembro
FOLGA XERAL DE ESTUDANTES

DEFENDAMOS A EDUCACIÓN PÚBLICA, BASTA DE PRIVATIZACIÓN!
RETIRADA INMEDIATA DOS PLANS DE BOLOÑA!
PAREMOS O DECRETO DE ENDURECEMENTO DA SELECTIVIDADE!

 

Estes anos sufrimos en todo o Estado unha paulatina privatización da educación pública. Reduciuse o investimento mentres aumentou brutalmente o diñeiro destinado á educación privada-concertada (en especial os colexios da Igrexa católica).

Estes ataques non se deron exclusivamente nas comunidades gobernadas pola dereita (Madrid, Euskadi e Valencia están á cabeza en privatización), senón tamén naquelas gobernadas polo PSOE. Por exemplo, en Catalunya tratan de impor a Lei de Ensino de Cataluña (LEC) que implicaría entregar a xestión dos centros públicos a empresas privadas. No caso da Galiza, a Consellería de educación aumentou unha hora máis a 3Brelixión, eliminando horas de historia da arte, no último Decreta de Bacharelato

Tratan de converter a educación pública nun negocio máis do que sacar suculentos beneficios, como xa fan coa sanidade, a vivenda, a electricidade ou a auga. A educación pública, digna e gratuíta debería ser un dereito universal e non unha fonte de lucro para uns poucos á conta da maioría.

Os plans de Boloña significan a privatización da universidade. Defendamos a universidade pública

A contrarreforma da universidade que se inicia este curso (coñecida como os Plans de Boloña) supón o ataque máis grave á educación pública nos últimos vinte anos e ten como único obxectivo expulsar ós fillos dos traballadores da universidade.

O goberno defende estes plans privatizadores afirmando que nos equiparan con Europa. A nós gustaríanos equipararnos en investimento en educación pública (nos países máis desenvolvidos de Europa, a media é superior ó 6% do PIB, aquí pouco máis do 4%) ou en estudantes con bolsa (40% en Europa, 16% no Estado español); con todo, os plans de Boloña non implican nada diso. En todo caso nos "equipara" coas universidades do pasado, exclusivas para os fillos dos ricos.

Cos plans de Boloña acábase coas actuais diplomaturas e licenciaturas para transformalas en graos e posgraos. Os graos, respecto das actuais carreiras, serán un título devaluado. Quen queira ter un título que facilite o acceso a un emprego digno terá que realizar un Posgrao, que ademais de ter unha proba de acceso propia, poderá custar ata 3.500 euros, como xa anunciaron algunhas universidades.

As bolsas serán insuficientes para cubrir estes enormes custos. Se xa hoxe as bolsas son ridículas (a bolsa con máis contía, a axuda compensatoria, concede 2.500 euros anuais a aquelas familias con menos renda, cantidade completamente insuficiente), a actual crise económica non augura nada bo, como demostra que o goberno do PSOE xa anunciou que os próximos orzamentos serán "austeros".

Pero o peor é que o goberno aposta por substituír as bolsas, por préstamos bancarios que, por suposto, terán que devolverse. É dicir, queren facer do ensino universitario un negocio redondo para a gran banca.

Os Plans de Boloña impulsan a privatización da universidade pública. Se segregarán as universidades en universidades de primeira (para a elite económica) e de segunda (para os fillos de familias traballadoras) e ademais fomentarase o peso das grandes empresas no control da universidade. O goberno xa sinalou que temos que ir cara ó "modelo americano", caracterizado por unha profunda privatización, onde son as empresas quen deciden que títulos resúltanlles rendibles e cales non (para que queren Repsol ou Telefónica titulados en filoloxía, historia ou maxisterio?).

Retirada inmediata do decreto que endurece a selectividade!

Moi vinculado ós Plans de Boloña está o endurecemento da selectividade que elaborou o goberno do PSOE en plenas vacacións de verán, ás costas dos estudantes e da forma máis antidemocrática.

A nova selectividade ademais de introducir o exame oral de idioma estranxeiro, entre outras perlas, busca endurecer o acceso ás carreiras universitarias máis demandadas introducindo unhas probas, en teoría voluntarias, pero que realmente serán obrigatorias, e que valerán no cómputo final ¡máis que o propio bacharelato! O obxectivo está claro, buscan "desmasificar" a universidade, non construíndo as prazas necesarias, senón impedindo o acceso ós estudos superiores ó fillo do traballador.

Para os grandes capitalistas sobran miles de licenciados. Eles o que reclaman é man de obra barata e con baixa cualificación que poidan sobreexplotar. Con todo, para os mozos e os traballadores non sobra nin un só licenciado, o que sobran son as listas de espera na sanidade, a masificación da educación pública, a falta de prazas públicas en infantil, a ausencia de equipamento social nos barrios obreiros e as privatizacións dos servizos sociais para beneficiar ós capitalistas.

Non hai diñeiro para todo isto? Si o hai, téñeno os banqueiros e os grandes monopolios.

Crise económica: que a paguen os capitalistas!

O mundo capitalista entrou de cheo nunha crise económica. O paro está crecendo, os prezos tamén... os salarios obreiros non alcanzan para chegar a fin de mes, pagar a hipoteca, etc. A crise traerá despedimentos, peches de empresas e unha enorme deterioración das nosas condicións de vida. Os mozos seremos os que máis suframos esta situación. O Sindicato de Estudantes pensa que si hai alternativa á crise capitalista: acabar co poder das multinacionais, banqueiros e especuladores, é dicir, loitar polo socialismo.

Os mesmos capitalistas que se estiveron enriquecendo á nosa costa estes últimos anos, que non se cansaban de especular coa vivenda como agora fan cos alimentos e o combustible, esixen ó goberno do PSOE que recorte o gasto social e, lamentablemente, estas esixencias atopan unha gran audiencia no seo do goberno de Zapatero. Queren que o peso da crise caia sobre os ombreiros da clase obreira.

Non é casualidade que a Unión Europea aprobe recentemente por unha banda a "directiva da vergoña" para criminalizar e reprimir ós inmigrantes, e doutra banda o establecemento da xornada laboral en 65 horas semanais devolvéndonos ó século XIX.

Como é posible que un Goberno que foi elixido co voto de millóns de mozos e traballadores aprobe leis para privatizar a educación pública? É posible porque este Goberno acepta a lóxica do capitalismo. Por iso o movemento obreiro e o movemento estudantil deben unir as súas forzas para defender o ensino e sanidade pública, o poder adquisitivo dos salarios e os postos de traballo.

CCOO e UXT non poden permitir nin un só despedimento por mor da crise, nin a deterioración das nosas condicións de vida. Deberían abandonar a súa actual política de pactos e concesións ós empresarios e ó goberno e loitar para defender ó traballador. Cada vez que a clase obreira foi convocada á loita polas súas organizacións, respondeu con contundencia. En febreiro, máis de 120.000 profesores e estudantes saíron á rúa de Barcelona contra a LEC e na primavera, en Madrid, celebráronse dúas folgas xerais educativas e tomando as rúas ata en 6 ocasións, a última, con máis de 90.000 persoas. Hai forza para loitar e gañar!
Os sindicatos deben organizar unha resposta contundente do movemento obreiro e preparar unha folga xeral en defensa do emprego e dos servizos públicos como sanidade e educación. Desde o Sindicato de Estudantes comprometémonos a participar activamente nesta convocatoria.


Todo o mundo á loita o 22 de outubro e o 13 de novembro

Por todo isto facemos un chamamento ó conxunto do estudantado de ensino secundario e universidade, e tamén ó profesorado a organizar unha resposta clara e masiva que obrigue ó goberno a retroceder nestes ataques.

O Sindicato de Estudantes convoca Folga Xeral de Estudantes e manifestacións para os días 22 de outubro e 13 de novembro. Propomos a todo o estudantado organizar asembleas para votar a proposta de folga, informar das reivindicacións ó conxunto da comunidade educativa, participar masivamente nas manifestacións e gañar o apoio do profesorado a esta loita.
Todos xuntos, estudantes, profesores e traballadores lograremos parar este ataque e defender o dereito a unha educación pública, digna, de calidade e gratuíta.


AFILIATE Ó SINDICATO DE ESTUDANTES

EN DEFENSA DA EDUCACIÓN PÚBLICA E CONTRA A PRIVATIZACIÓN!
NON ÓS PLANS BOLOÑA! NON Á SELECTIVIDADE!
7% DO PIB PARA A EDUCACIÓN PÚBLICA!

POR UN POSTO DE TRABALLO DIGNO Ó TERMINAR OS ESTUDOS!