claustro galiciaDende que comezou a crise capitalista mundial, os xóvenes de familias traballadoras estamos a sufrir os seus efectos de xeito dramático: desemprego nas nosas casas, drásticas reducións salariais ó tempo que o prezo da vida non deixa de subir (luz, medicamentos, transporte…), etc.

Os grandes capitalistas, perfectamente representados polo PP, esixen que os cartos públicos destinados ó ensino vaian a parar ós seus petos, en forma de rescates á banca, subvencións e exencións fiscais. Esa é a razón dos ataques que estamos a sufrir contra o ensino público (Plan Boloña; a LOMCE; o Decretazo de Bolsas; a suba das taxas e os recortes no profesorado) e que teñen un claro obxectivo: expulsar ós fillos e fillas dos traballadores da universidade e regresar ós vellos tempos onde só estudaban os fillos dos ricos. Se apenas hai estudantes universitarios, os cartos que hoxe o Estado dedica a esa partida —e que saen dos impostos dos nosos pais e nais— poderán ir ás mans dos grandes capitalistas.

Para dar una resposta acorde coa intensidade dos ataques, dende o Sindicato de Estudantes levamos convocadas 14 xornadas de Folga Xeral en todo o Estado, dúas das cales contaron coa participación de toda a comunidade educativa. Grazas a elas todo o mundo coñece a política educativa franquista que aplica o PP e, hoxe en día, o Ministro Wert é o peor valorado da historia da chamada “democracia”. A súa extrema debilidade púxose de manifesto cando se viu na obriga de dar marcha atrás nos recortes da bolsa Erasmus. Wert e o PP poden ser derrotados, pero para iso cómpre endurecer a mobilización cunha nova Folga Xeral de 72 horas, pero esta vez de toda a comunidade educativa, sumando aos pais, nais, profesores e PAS. Son as mobilizacións contundentes coma as de Gamonal, Limpeza de Madrid ou a Marea Branca as que están a conseguir paralizar a ofensiva do PP e da patronal.

Eleccións ó claustro Universitario: nin un só voto para a dereita!


Dende o Sindicato de Estudantes temos claro que é na rúa onde podemos derrotar a política educativa do partido popular. O Claustro ten ademais unha composición antidemocrática (os estudantes so temos o 28% da representación). Pero o que non imos permitir é que a dereita teña ademais maioría nese órgano. Temos que votar masivamente para garantir que sexan as organización da esquerda as que consigan a maioría dos representantes estudantís e votar en contra de todos os recortes que o novo equipo reitoral intentará levar a cabo.

O reitorado actual non ten ningún interese en que os estudantes participemos nestas eleccións, como demostra o feito de que se convoquen un venres (cando en moitas facultades non hai aulas) ou que non haxa ningún tipo de aviso sobre como e onde votar. Temos que votar masivamente para demostrar que os seus obstáculos non nos calarán. Por iso pedímosche que votes ós nosos candidatos na túa facultade.

Por outra banda, os candidatos a reitor, Antonio López e Juan Viaño participaron en anteriores equipos reitorais (Darío Villanueva e Senén Barro, respectivamente) que afondaron na privatización da USC, aplicando a LOU, o Plan Boloña e pechando residencias públicas. Con estas credenciais está claro que ningún dos candidatos combaterá a política do PP.


Votar non abonda. Temos que organizarnos

Pero a loita en defensa das nosas condicións de vida e estudo esixe moito máis que votar. Temos que organizarnos e loitar con un programa anticapitalista. Chamámoste a que te organices con nós para facer fronte ao desmantelamento do ensino público e en defensa dun futuro digno para a mocidade.

Vota ó Sindicato de Estudantes, a organización dos fillos e fillas dos traballadores!

Como votar?

Podes exercer o voto anticipado entre o 21 e o 23 de Abril (de 9:00 a 14:00) presentando una fotocopia do teu DNI no Rexistro Xeral da Universidade (San Xerome, Pza. do Obradoiro, Compostela; Edificio da Biblioteca intercentros, Lugo) ou ben votar o día venres 25 de Abril de 10:30 a 18:30 na mesa electoral da túa facultade.

          TÁBOA REIVINDICATIVA

  • Basta de ataques ó ensino público!
  • Nin un euro público para os grandes capitalistas!
  • Basta de recortes nas Bolsas!
  • Ensino gratuíto para os fillos e fillas dos traballadores.
  • Bolsas/Salario para os estudantes con maiores dificultades económicas.
  • Prazas suficientes nas residencias universitarias.
  • Por un posto de traballo digno ó rematar a carreira ou subsidio de desemprego ata atopalo.
  • Expropiación da Banca para investir os recursos necesarios no ensino público.