Na añá de onte, martes 18 de febreiro, os compañeiros do Sindicato de Estudantes convocamos unha asamblea no IES Valadares para dar a coñecer os ataques do PP á escola pública, tales como a LOMCE, o recorte en becas, cambios en libros de texto, etc., e comezar a preparar a resposta nas rúas.
Na mesma, con máis de 70 asistentes entre alumnado de tódolos cursos, fíxose un balance das mobilizacións pasadas, resaltando o éxito da convocatoria da semana de loita que tivo o seu colofón no 24 de Outubro, e apostando por unha nova convocatoria unitaria de pais, nais, profesores e estudantes. Ante a perspectiva inminente de novos ataques, tales como a Contrarreforma universitaria ou o Estatuto do Docente, a organización e a loita, cunha estratexia tenedente a confluir cos traballadores e que unifique ó movemento, volve ser a clave para poñerlle dique a infame pretensión de Wert e do PP de devolvernos á educación franquista.
Tal e como se dixo na asemblea, as últimas loitas no estado español, están sendo saldadas con vitorias. A marea Branca ou Gamonal, por citar tan só dous exemplos, sinalan o camiño.
Nese espírito, o 26 e 27 de Marzo, volvemos ás rúas!
Ante a debilidade manifesta do ministro Wert, temos que continuar a defensa da escola pública, por iso, punto que tamén se tocou hoxe en Valadares, é imprescindible que CCOO, UGT e a CIG, así coma as ANPAS, convoquen unha folga xeral en unidade de acción para asestar o golpe definitivo a Wert. Tamén propoñemos a tódalas organizacións xuvenís de esquerdas de Galiza que convoquen en unidade de acción con nós esta nova folga, que revirta todos os ataques e asegure unha escola pública de calidade para os fillos dos traballadores.
Todos á folga de estudantes do 26 e 27 de Marzo!
Por unha folga xeral de toda a comunidade educativa!