O Partido Popular segue sangrando á clase traballadora sen ningún reparo, atacando os dereitos e os bens dos que menos teñen para favorecer á banca e os grandes empresarios.

O Ministro Wert, continúa recortando canto lle é posíbel no ensino. Por se pouco parecese a LOMCE, esa xenial idea para achegarnos ao franquismo, agora decídese a atacar á universidade pública con medidas como o taxazo ou o recorte en bolsas, logrando deste xeito privar a un bo número de estudantes sen recursos de recibir a educación universitaria que lles corresponde.

 

E en Galiza, o PP segue a mesma senda do goberno central, levando a cabo recortes e reformas sen fin. Por suposto, o Presidente da Xunta non sabe o que é sufrir os recortes. El sempre tivo unha vida cor de rosa, gozando en iate da compañía dun coñecido narcotraficante.

Un dos recentes ataques máis fortes foi o de recortar as axudas ao comedor dos nenos, nada menos que un 45% (www.eldiario.es/galicia/comedores-escolares-Galicia-llegada-Feijoo_0_150835031.html).

Brutal suba das taxas en Conservatorios e Escolas

Tamén no ámbito educativo, agora tocou a quenda de Conservatorios e Escolas de Arte Dramático, Danza, Deseño e Idiomas.

O curso que ven estas son as modificacións nos prezos:

-En ensinanzas elementais de Música e de Danza: a matrícula de curso completo pasará de 90 euros a 137 (un 52,22% de aumento) e a matrícula de disciplinas soltas, de 30 a 34 (+13,33%).

-En ensinanzas profesionais de Música e Danza: a matrícula de curso completo pasará de 150 euros a 232 (+54,67%); a matrícula de disciplinas soltas, de 45 a 51 (+13,33%) e a proba de acceso, de 30 euros a 34 (+13,33%).

-En ensinanzas superiores de Música, Danza e Arte Dramática: en primeira matrícula, por crédito ECTS, pasarase de pagar 5 euros a 7,8 (+56%); en segunda, de 5 a 11,5 (+130%); en terceira ou sucesivas, de 8 a 11,5 (+43,75%) e a proba de acceso deixará de custar 60 para chegar ós 64 (+6,67%).

-En ensinanzas superiores de Deseño: en primeira matrícula, por crédito ECTS, pasarase de pagar 3 euros a 4,7 (+56,67%); en segunda, de 3 a 6,7 (+123,33%); en terceira ou sucesivas, de 4 a 6,7 (+67,5%) e a proba proba de acceso deixará de custar 50 para chegar ós 64 (+28%).

-En ensinanzas de Idiomas: a matriculación por idioma pasará de 70 euros a 92 (+31,43%) e a proba de clasificación, de 15 a 17 (+13,33%). 

Á marxe da brutal suba de taxas en si, que rolda o 60% na maioría das matriculacións, cómpre salientar a dura sacudida que supón o particular aumento para as e os estudantes de ensinanzas superiores que se matriculan por segunda vez. Cando antes as dúas primeiras matrículas custaban o mesmo, distinguíndose das posteriores, agora será só a primeira a que custe menos que as demais. Aí ten o seu berce o aumento aínda maior na segunda matrícula, que chega a acadar o 130% nas ensinanzas superiores de música, danza e arte dramática.

Tal é o descaro que teñen para efectuar estes ataques, que ata chegan a modificar o prezo dos servizos xerais (+18,18%) ou da apertura do expediente académico (+15,79%).

O aumento destes dous últimos conceptos suporá moi pouco cambio; ben sabido é que non é a parte que vai deixar doídos ós estudantes. Mais a suma total desta pequena suba xa lle asegura ó PP miles e miles de euros que logo serán invertidos en calquera cousa agás as necesidades do pobo.

Nocturnidade

Mais non só é o propio ataque a parte fea desta situación, senón tamén o impresentable xeito en que o PP o levou a cabo. Os cambios que ían efectuarse foron publicados no Diario Oficial de Galicia o 17 de xuño, entrando en vixencia ó día seguinte, o cal era tan só uns días antes dalgunhas datas de matriculación. Pero ademais, estas mudanzas nos prezos non foron comunicadas como deberían aos afectados e afectadas. Así é que a meirande parte do alumnado non sabía do aumento que padeceran e as cantidades que debían pagar ata o mesmo día no que tiñan que matricularse. Sen dúbida algunha, este foi un dos pormenores nos que o goberno operou de forma máis perspicaz, evitando así numerosos problemas e queixas antes de que se efectuase o pagamento. Pero non lles vai saír ben a xogada.

Todos e todas á folga!

Dende o Sindicato de Estudantes queremos organizar a tódolos alumnos dos Conservatorios e Escolas afectados pola suba de taxas, para preparar o terreo dunha gran mobilización en canto comece o curso. Os días 15, 16 e 17 de outubro, o SE convoca folga xeral en todo o ensino. Os estudantes deste tipo de ensinanzas temos que xogar un papel clave nesta folga de 3 días. Contacta connosco para empezar a organizar dende xa asembleas e repartos de propaganda no teu centro.

O ensino é un dereito, non un privilexio!

NON Á SUBA DAS TAXAS!

BASTA XA DE SUBIR OS PREZOS PARA DARLLE CARTOS AOS BANQUEIROS!