O Sindicato de Estudantes convoca e chama á xuventude a participar masivamente
As diversas mobilizacións convocadas polo Sindicato de Estudantes ó longo deste curso académico contra a LOMCE, culminadas coa folga histórica de toda a comunidade educativa o 9 maio, demostran que a loita si serve e que é o único xeito de parar os ataques do PP, herdeiro do máis rancio do réxime franquista, do espírito fondamente españolista, sexista e confesional. A mobilización educativa conseguiu retrasar durante todo un curso unha lei profundamente reaccionaria que o goberno aseguraba que aprobaría pasase o que pasase, unha lei que mostra o auténtico rostro da dereita, que quere botar das aulas a decenas de milleiros de estudantes humildes mediante reválidas, itinerarios e taxas de escándalo.
Pese á chulería do ministro Wert, o certo é que as mobilizacións (as semanas de loita de outubro e de febreiro, e a folga xeral educativa do 9 de maio, a pesar de que en Galiza desafortunadamente non houbo unidade de acción entre os sindicatos de profesores) conseguiron retrasar a aprobación da lei.
A Xunta de Galicia, tamén dirixida polo PP, segue exactamente a mesma política có goberno central, coa súa intención de cobrar o comedor escolar, un servizo imprescindible para as familias traballadoras. De triunfar este ataque, un 50% dos alumnos terían que pagar por comer no seu centro. Tampouco podemos esquecer de que foi o PP quen asinou o despedimento de preto de 5.000 profesores en toda Galiza e que propuxo un decreto polo cal o ensino se repartiría a partes iguais entre galego, inglés e castelán, o que supoñía un paso atrás na normalización do galego.
O Sindicato de Estudantes non ten ningunha intención de parar a loita até lograr a retirada incondicional da LOMCE e a dimisión do ministro de Educación, José Ignacio Wert. Da mesma forma, negámonos a aceptar os duros golpes que está a recibir a clase traballadora neste país. Hoxe somos estudantes, pero mañá seremos traballadores. E nunha comarca coma a nosa, non hai futuro para a mocidade se non hai carga de traballo no sector naval. En consecuencia, chamamos a todos os estudantes a secundar a folga xeral do 12 de xuño na comarca de Ferrol, convocada unitariamente polas principais centrais sindicais: CCOO, CIG e UGT.
Chamamos á participación activa en tódalas actividades que se leven a cabo con motivo desta folga para garantir o éxito da mobilización, pero ó mesmo tempo, tamén lle dicimos ós sindicatos obreiros que é necesario estender e endurecer moito máis a loita contra o goberno dos banqueiros e empresarios.
- Retirada inmediata da LOMCE. Nin reválidas nin selectividade, o fillo do obreiro á Universidade.
- Non ó incremento das taxas. Os recortes, para os banqueiros.
- Por un ensino público, gratuíto, laico, democrático e en galego.
- Non ó paro xuvenil. Retirada inmediata da reforma laboral. Non ós contratos lixo, non ás prácticas non pagadas en empresas.
- Por un subsidio de desemprego indefinido para todos os parados igual ó salario mínimo interprofesional até atopar un posto de traballo.
- Nacionalización da banca e as grandes empresas para dispoñer dos recursos necesarios para resolver os problemas da xuventude e da clase traballadora.
¡TODOS Á FOLGA XERAL O 12 DE XUÑO!
¡PARTICIPA CO CORTEXO DO SINDICATO DE ESTUDANTES: ás 11:30 fronte ao Hotel Hesperia (As Pías)
¡¡OBREIROS E ESTUDANTES UNIDOS E ADIANTE!!