O pasado xoves 28 de xuño tivo lugar unha xuntanza de afiliados do Sindicato de Estudantes da cidade de A Coruña. A pesar do complicado das datas, unha quincena de afiliados estivemos presentes e mantivemos unha profunda discusión política durante case tres horas. Debido a que nesas datas os IES permanecen xa pechados, solicitamos a Esquerda Unida o seu local para poder celebrar a xuntanza. Entre os afiliados presentes na mesma había representantes do S.E de 5 IES e 3 facultades da cidade.

Dous foron os puntos da orde do día: Balance do curso político e construción do S.E
No primeiro punto, realizamos unha rápida radiografía xeral da situación económica mundial, os seus efectos na loita de clases e a ofensiva da burguesía contra a clase traballadora e a mocidade. A continuación fixemos un repaso das principais intervencións do Sindicato de Estudantes no conxunto do estado e en Coruña, facendo fincapé na orientación política que lle dimos a cada unha das folgas convocadas. Con respecto á intervención en Coruña, resaltamos ás tres convocatorias de folga de estudantes que fixemos para confluir co profesorado nos primeiros meses do curso, a folga estatal do 6 de outubro, a xornada de loita “preelectoral” do 17 de novembro, a folga en apoio ós estudantes valencianos do 16 de febreiro, a do 10 de maio contra os ataques anunciados polo Ministerio de Educación e a do 22 de maio, confluíndo coa folga de toda a comunidade educativa. O debate foi enormemente positivo e resaltou o desexo dos afiliados do S.E por formarse politicamente para afrontar os retos que temos por diante.

No segundo punto analizamos os pasos a dar cara o próximo curso para continuar a rápida implantación do S.E no ensino medio e na universidade. Abordamos tamén aspectos como os métodos de financiación do S.E, baseados en conseguir apoio económico por parte da clase traballadora e os aspectos concretos do funcionamento das seccións sindicáis nos centros de estudo.

Por último, emprazamos a todos os afiliados a estar totalmente preparados dende o día 1 de setembro para lanzar unha auténtica rebelión educativa contra os ataques ao ensino público. A disposición á loita por parte de tódolos asistentes era evidente.