mani_sindicato_estudiantes222

TEMOS QUE LOITAR UNIDOS!!

Comunicado actualizado a 9 de Maio [Ver nota ao pé]

Os estudantes enfrontámonos a unha terrible ameaza. O PP quere desmantelar o ensino público. As últimas medidas aprobados polo goberno implicarán que centos de milleiros de estudantes de familias traballadoras non poderemos acceder ao ensino universitario nin aos ciclos formativos da FP. O recorte de 160 millóns de euros nas bolsas, os imposibles requisitos académicos para obtelas e a criminal suba das taxas universitarias de até un 66% van facer case imposible o noso acceso ao ensino superior. E máis nun contexto onde moitos dos nosos pais están no paro.

Tamén, a eliminación o curso que ven de ciclos formativos aumentará aínda máis a cifra de non admitidos na FP, que cada ano ascende a 30.000 estudantes en todo o Estado.

Ante esta situación, o Sindicato de Estudantes decidiu lanzar unha xornada de loita estatal para o vindeiro 10 de maio facendo un chamamento a tódalas organizacións de esquerdas a convocar conxuntamente. Tratáse dunha acción de urxencia, que busca ser unha primeira resposta e que prepare o camiño para unha auténtica rebelión social que temos que lograr levantar o conxunto das organización do eido educativo á volta do verán, de xeito unitario.

O Sindicato de Estudantes fixo pública esta data o pasado 20 de abril. Dous días despois, as organizacións estudantís nacionalistas de Galiza fixeron pública a súa decisión de convocar tamén folga ese día. Para nós isto é enormemente positivo. Durante anos, cando o Sindicato de Estudantes convocaba unha folga estatal e propuña a estas organizacións loitar conxuntamente en unidade de acción, a resposta sempre era a mesma: rexeitaban a unidade alegando que non querían participar en folgas “españolas”.

O Sindicato de Estudantes contra a opresión nacional

O Sindicato de Estudantes defende o dereito de autodeterminación das nacionalidades oprimidas do Estado español. Opoñémonos activamente a calquera agresión contra os idiomas catalán, euskera e galego. Moi recentemente, o 19 de abril, o Sindicato de Estudantes convocou a folga educativa en Galiza impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, contra os ataques ao galego por parte da Xunta do PP. A nosa oposición á opresión nacional está fóra de toda dúbida. Pero, por suposto, cando o Goberno lanza un ataque que afecta aos estudantes do conxunto do Estado, como é o caso, respondemos de xeito conxunto en todo o Estado. Estamos completamente en contra de dividir a loita dos estudantes por nacionalidades ou autonomías. Iso só beneficia aos nosos inimigos. Por iso consideramos un grave erro que as organizacións estudantís galegas que se reclaman nacionalistas rexeiten a unidade de acción, rexeiten loitar xunto cos estudantes do resto do Estado.

Nesta ocasión, ante a nosa convocatoria de folga do día 10, parecía que ía ser posible a loita unida. Inmediatamente propuxemos aos compañeiros da LEG e de Comités organizar unha convocatoria conxunta, en primeiro lugar no caso de Compostela. Agora estas organizacións acaban de rexeitar o noso ofrecemento, como comentaremos máis adiante.

Dúas plataformas en defensa do ensino público en Galiza

No mes de abril constituíronse dúas plataformas en defensa do ensino público en Galiza. Na primeira en constituírse están presentes organizacións nacionalistas, concretamente CIG, BNG, Galiza Nova, LEG e Comités.

Na segunda están presentes CCOO, UGT, a Confederación de ANPAS públicas de Galiza e Escola Viva, entre outras organizacións. O Sindicato de Estudantes aceptou integrarse nesta plataforma, pero plantexando que era absolutamente esencial a conformación dunha única plataforma. A nosa posición é clara: é absurdo que existan dúas plataformas de esquerdas en defensa do ensino público. É esencial a fusión de ámbalas dúas plataformas e a loita unida. Para frear os ataques do PP, precisamos a unión dos sindicatos estudantís e obreiros, xunto coas ANPAS. Facemos un chamamento aos dirixentes de CIG, CCOO e UGT de Galiza a unificar ámbalas dúas plataformas. Tamén, o Sindicato de Estudantes reitera o seu chamado aos responsables destas tres centrais sindicais a vir ás nosas manifestacións e tomar a palabra ó remate das mesmas.

Rexeitamento da unidade

O Sindicato de Estudantes propúxolle aos compañeiros de Comités e da LEG, como xa explicamos, organizar manifestacións unitarias o día 10, nas que, por suposto, cada organización falase ó remate das mesmas con total liberdade para expor a súa posición. É máis o que nos une que o que nos separa. Todos estamos a favor de loitar contra os ataques do PP contra o ensino público. Por iso, facelo por separado é un absurdo. Pero desgraciadamente, o venres 4 de abril recebemos un correo de LEG, Comités e Galiza Nova reiterando a súa intención de manifestarse por separado o día 10 e polo tanto negándose a confluír coas manifestacións que o Sindicato de Estudantes xa tiña convocadas para ese día.

Esta decisión non nos axuda a loitar contra o PP e a derrotar os seus plans de destrución do ensino público. Se finalmente isto se producise, poderíamos ter un escenario moi negativo, no que o día 10 tivéramos en varias cidades dúas manifestacións, marchando case en paralelo e defendendo cousas similares. O estudantado non comprendería uns feitos así. Estamos a tempo de evitalo. O Sindicato de Estudantes fai un chamamento ás direccións nacionais de Galiza Nova, LEG e Comités a organizar o día 10 manifestacións unitarias. Facemos un chamamento tamén aos militantes desas organizacións a que pulen pola unidade de acción. Contra os ataques da dereita ao ensino público, TEMOS QUE LOITAR UNIDOS.

Xoves 10 de maio: Todos á loita en defensa do ensino público!!!

Mobilizacións do Sindicato de Estudantes

- Ferrol: 12:00 horas no edificio da Xunta (praza de España)

- Coruña: 12:00 horas na praza da Palloza

- Compostela: 12:00 horas na Alameda

- Vigo: 12:00 horas en Praza América

 

NOTA AO PÉ

Nota - Debido a un erro técnico na recepción de emails, no momento de redactar este comunicado (7 de maio) aínda non tiñamos coñecemento da invitación da CIG Ensino ao Sindicato de Estudantes para participar na plataforma en defensa do ensino público impulsada por este sindicato. Soubémolo o 8 de maio, por unha chamada telefónica e un correo do responsable de CIG Ensino, o compañeiro Anxo Louzao, que nos axuntaba o correo orixinal con dita invitación. Por esta razón, rectificamos o texto do comunicado no punto que facía referencia a dita cuestión e pedímos desculpas á CIG.

Polo demais, reiteramos a nosa vontade de traballar pola unidade de acción de todas as organizacións de esquerdas da comunidade educativa para combater os salvaxes ataques contra o ensino público aprobados polo goberno do PP e reiteramos tamén a nosa invitación aos compañeiros da CIG Ensino a apoiar a xornada de loita convocada o 10 de maio en todo o Estado polo Sindicato de Estudantes e a dirixirse ás manifestacións de estudantes que celebraremos en distintas cidades galegas ese día.