Eleccións ó claustro da USC
VOTA  SINDICATO  DE  ESTUDANTES
Paremos os ataques

Non pasa un día sen que o Goberno anuncie novos ataques salvaxes. Seguindo fielmente os ditados dos grandes capitalistas, a dereita pretende desmantelar tódalas conquistas sociais que custaron anos e sangue conquistar. Agora tocoulle ó ensino.

 

O pasado 3 de abril, coa aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, o PP impuxo o maior recorte orzamentario nas contas públicas desde a caída da ditadura franquista. Tódolos ministerios recortaron de media o seu financiamento un 16,9%, aínda que algúns, como Educación, cun recorte do 21,2% (832,7 millóns de euros), víronse especialmente afectados.

Por suposto, non tódalas partidas orzamentarias sofren por igual: os cartos para a Igrexa católica mantéñense intactos (11.000 millóns de euros). E a partida para a Casa Real sufre un simbólico recorte do 2% (e ben sabido que as cacerías de elefantes son caras).

E poucos días despois de aprobar estes ataques brutais, o PP facía público, a través dunha nota de prensa, outro paquete de recortes que afectaba exclusivamente á sanidade e o ensino públicos: nada máis e nada menos que 10.000 millóns de euros de redución do gasto, 7.000 en sanidade e 3.000 millóns en educación.

No ensino medio, o novo recorte implicará aumentar a ratio de alumnos por aula e alongar o horario lectivo do profesorado. O obxectivo e despedir a máis profesores, o que, por certo, pechará as posibilidades de acceder a un posto de traballo para todos aqueles universitarios que tivesen pensado adicarse á docencia ó rematar os estudos. Segundo os sindicatos do profesorado, a medida implicará o despedimento do 50% do profesorado interino en todo o Estado.

No terreo universitario, as medidas aprobadas polo goberno supoñen unha auténtica declaración de guerra. En primeiro lugar, as bolsas sofren un recorte de 166,4 millóns respecto a 2011. En segundo lugar, as taxas universitarias van ter unha suba criminal.

O PP afirma que os estudantes só pagamos en torno ó 15% do custo real da matrícula (que estima nuns 6.000 euros de media por curso). Isto é unha mentira noxenta, xa que o restante 85% sae nada máis e nada menos que dos impostos dos nosos pais, os traballadores e traballadoras. Pero o PP quere empregar os impostos da clase obreira en sanear a banca, e non en que nós podamos estudar. Así, agora establece que as comunidades autónomas (e na nosa gobernan eles) podan subir as taxas até cubrir o 25% do gasto total de matrícula. De aplicarse, as taxas poderán subir até un 66%.

O escenario é de pesadelo. Con moitos estudantes cos pais en paro, cun recorte brutal das bolsas e unha suba salvaxe das taxas, o resultado é doado de imaxinar. A dereita quere nos devolver ó pasado, cando só estudaban os fillos dos ricos.

Para completar a súa batería reaccionaria, o Ministerio de Educación establece que a partir da segunda matrícula as taxas teñan unha suba espectacular até que na cuarta o estudante pague o 100% do custo (eses 6.000 euros de media por curso). E todos sabemos que hai materias en moitas carreiras que é case imposible aprobar á primeira.

Todo o que temos está ameazado, en tódolos terreos. Os dereitos laborais, a idade de xubilación, o acceso ó emprego, a sanidade pública de balde, o dereito a estudar… Só cunha auténtica rebelión social poderemos frear estes plans da dereita. A principal responsabilidade recae sobre os dirixentes sindicais de CCOO, UGT e CIG, que deben dar unha resposta desde xa. Desde o Sindicato de Estudantes emprazámolos novamente a que dean continuidade á extraordinaria folga xeral do pasado 29-M, convocando unha nova folga xeral, agora de 48 horas.

E no terreo educativo, é imprescindible empezar a organizar desde xa unha mobilización masiva de toda a comunidade educativa. Xogámonos o noso dereito a seguir estudando.

Para preparar o camiño a unha mobilización masiva tralo verán, o Sindicato de Estudantes convoca unha xornada de loita estatal o vindeiro 10 de maio. Facemos un chamamento a tódalas organizacións políticas, sindicais e estudantís da esquerda a loitar conxuntamente contra os ataques criminais do PP.

As eleccións ó claustro

E no medio desta situación, o vindeiro 9 de maio temos as eleccións ó claustro. Os estudantes non somos parvos. Somos conscientes da gravidade da situación e comprendemos que os ataques xerais non se van parar nun claustro universitario, que para paralos temos que saír á rúa masivamente. Pero sería un erro facilitarlle as cousas á dereita permitíndolle aprobar con  facilidade as medidas sinaladas por ter a maioría no claustro. Temos que obstaculizalos todo o que podamos, e para isto temos que lograr unha maioría absoluta das organizacións da esquerda no claustro.

Os estudantes de familias traballadoras, os estudantes de esquerdas, somos a gran maioría. Somos moitos máis que os estudantes fillos de ricos e de dereitas. Se votamos gañamos, porque somos máis. Hai que pecharlle o paso a dereita no claustro.

Votar ó Sindicato de Estudantes é garantía de que, se dos nosos votos depende, o claustro non aprobe ningún recorte. Por iso pedimos a tódolos fillos e fillas de traballadores que nos votedes. E como votar non abonda, tamén te pedimos que te organices connosco para loitar por:

- Nin un só recorte no ensino público. Nin suba de taxas nin recorte de bolsas
- Si hai cartos, téñenos os bancos. Nacionalización da banca para obter os recursos cos que investir o 2% do PIB na universidade. Con ese 2% podería garantirse:
- Ensino superior gratuíto
- Residencias públicas a prezos sociais, xestionadas democraticamente polos estudantes
- Contratación de profesorado para desmasificar as carreiras masificadas
- Bolsas-salario para os estudantes de rendas máis baixas
- Un posto de traballo ó rematar os estudos ou subsidio de desemprego indefinido até atopalo
- Paralización do Plan Boloña
- Basta das condicións de estudo e horarios salvaxes que sofren os estudantes de grao
- Polo mantemento de tódalas licenciaturas actuais
- Non á normativa de permanencia
- Cobertura das baixas de profesores a partir dunha semana
- Basta de privatización. Integración de tódolos másters privados na rede pública
- Por unha folga xeral de toda a comunidade educativa para frear os ataques contra o ensino público


Vota ós candidatos do Sindicato de Estudantes nestas facultades:

Campus de Lugo

-Escola Politécnica Superior
-Facultade de Ciencias
-Facultade de Formación do profesorado
-Veterinaria

Campus de Compostela

-Fac. de Ciencias da Comunicación
-Fac. de Filosofía
-Fac. de Matemáticas
-Fac. de Óptica
-Fac. de Psicoloxía
-Fac. de Químicas.
-Fac. de Historia (dous candidatos)