19 DE ABRIL: FOLGA XERAL DE ESTUDANTES

Descarga o material para a convocatoria de folga:
Cartaz Folleto

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) e as súas Mocidades veñen de impulsar, para o día 19 de abril, unha folga xeral no Ensino Medio á que dende o Sindicato de Estudantes e dende outras organizacións estudantís e xuvenís da esquerda sumámonos e apoiamos completamente. O motivo da folga non e outro que o de saírmos a protestar pola situación actual do galego no ensino despois dos Decreto contra a nosa lingua impulsado polo Goberno, representante dos intereses capitalistas, de Núñez Feijoo e do Partido Popular.

 

Dende o Sindicato de Estudantes pensamos que non é posible desvincular a actual situación de crise do sistema capitalista coa situación da lingua galega actualmente no ensino e na vida social. Os recortes en todos os eidos (sanidade, pensións, prestacións sociais, ensino,…) que a clase capitalista leva facendo dende o 2008 a través dos seus representantes nos distintos gobernos (foran de dereitas ou supostamente de “esquerdas”) ó longo do mundo para facer pagar a crise á clase traballadora exprésase en Galiza tamén baixo a forma de ataques á lingua galega na súa liña de flotación: a súa aprendizaxe no ensino, cuestión básica á hora de garantir, actualmente, a súa superviviencia.

O ataque que o gobernó de Feijóo levou a cabo a través do Decreto do galego comeza a amosar as súas consecuencias reais. Estas son algunas delas:

•    Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía non se poden impartir en galego e o gobernó do PP leva malgastados millóns de euros en destruír libros de texto destas materias por estaren en galego.

•    A entrada da terceira lingua (inglés maioritariamente) está  servir de escusa para reducir a presenza do galego nalgúns centros de ensino

•    O número de horas semanas impartidas en galego está arredor do 20%. é dicir, nin tan sequera se está a cumprir o mínimo legal establecido no Decretazo contra o galego (50-33%, en función da lingua estranxeira)

•    Nos Ciclos Formativos (FP) e nas ensinanzas artísticas non existen materiais didácticos en galego.

Nada do anterior é casualidade. Historicamente, a dereita en Galiza odia o galego e cando tivo que lexislar a favor da lingua, sempre a desgusto, foi por mor dunha gran presión da clase traballadora e dos sectores populares nas rúas nos anos posteriores ó franquismo. Para a dereita, o galego é unha lingua de pobres, de incultos e a despreza profundamente.

O galego é unha lingua que resistiu a pesares dos ataques;  unha lingua que sobreviviu grazas ó pobo que a seguiu falando. Ó PP chéiralle demasiado a pobo como para agradar, sobre todo, ós sectores máis españolistas e fascistoides do partido

Por outra banda, é enormemente necesario pararlle os pes á dereita. Dende que gañaron en 2011 as eleccións Locais, Autonómicas e Xerais, os ataques que xa viña sufrindo a clase obreira recruecéronse ata límtes alarmantes. O PP entrou no goberno como un elefante nunha chatarreiría, tentando arrasar os dereitos conquistados pola nosa clase ó longo de décadas de loita, sangue e sufrimento, especialmente trala caída do seu ditador Franco. Á perda de poder adquisitivo das pensións (pese á súa ridícula suba numérica), o aumento dos impostos en todos os tramos de renta, o agasallo novamente de cartos públicos á gran banca, a reforma laboral, os recortes xerais nos Presupostos para 2012 de 27.000 mllóns de euros (ós que hai que engadirlle os 8.000 millóns do recortes de xaneiro e 15.000 millóns que terán que aplicar as CCAA que teñan as competencias en ensino e sanidade –un 22% menos) e as medidas de amnistía fiscal (na práctica, legalizar o fraude fiscal das grandes fortunas e facilitarlles o branqueo dos seus capitais), entre os máis destacados ataques, a todo isto, únense os ataques ó ensino público (falta de docentes, de material didáctico e de apoio, redución de becas, aumento da ratio de estudantes por clase, aumento das taxas na Universidade,…), que xa provocaron en Galiza e noutras zonas do Estado numerosas folgas de profesorado e estudantes ó comezo do curso, nas que o Sindicato de Estudantes participou activamente.

Todos estes recortes no ensino serán usados como escusa polo goberno de Feijóo para xustificar as súas política en contra do galego, escudándose na falta de cartos públicos para financiar medidas a prol do galego, que non o esquezamos, é a lingua que está en perigo na súa propia terra. É dicir, mentres toda a burguesía e os grandes capitalistas (empresarios e banqueiros) benefícianse dos cartos públicos (extraídos do traballo da clase obreira), o ensino público (o do estudantado de clase obreira), e dentro del, o ensino en galego e do galego ten que sufrir recorte tras recorte. Esta é a política da dereita, dos fieis representantes dos intereses dos máis ricos.

En definitiva, dende o Sindicato de Estudantes pensamos que mentres o capitalismo exista, mentres o beneficio individual dunha minoría propietaria e parasitaria sexa o motor económico i estea por enriba dos intereses sociais da maioría, mentres unha minoría de capitalistas síganse apropiando da riqueza que xeramos a clase obreira, é dicir, mentres este sistema baseado na explotación dunha maioría da poboación por parte dunha ínfima minoría (como dicían as pancartas do movemento Ocupa Wall Street: “Somos o 99%”) non sexa derrocado e sustituido de forma consciente por unha sociedade máis xusta, ou sexa, por unha sociedade socialista, todas as melloras que poidamos conseguir a clase traballadora produto da nosa loita xamais serán definitivas e sempre estarán no punto de mira dos burgueses, sempre estarán baixo ameaza as nosas necesidades sociais (incluídas as máis básicas). A lingua galega non vai ser unha excepción neste caso. Todas as linguas minoritarias e minorizadas corren perigo baixo a bota do sistema capitalista e corren o risco de desaparecer posto que os capitalistas xamais estarán dacordo con “gastar” en medidas a favor  da promoción, mantenemento ou defensa destas linguas, xa que como estamos a comprobar, non están dacordo con que se invirtan os nosos cartos no propio sistema público de ensino, o ensino tradicional do estudantado de clase obreira.

Por todo isto, animámoste a parar as aulas este próximo xoves día 19, para dicirlle ben claro a Feijóo e ó PP que non imos permanecer sen facer nada mentres o noso ensino e a nosa lingua está sendo atacada de forma criminal por estes lacaios da patronal e dos banqueiros. Porque a loita pola defensa do galego é parte da loita polo ensino público, é a mesma loita.

POLO NOSO DEREITO A ESTUDAR EN GALEGO!
PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO!
EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO!
19 DE ABRIL: FOLGA XERAL DE ESTUDANTES!

Naqueles concellos onde o día 19 non haxa previstas concentracións ou manifestacións, propoñemos a celebración de concentracións nos IES e a votación desta resolución