Entre os días 1 e 6 de febreiro os marxistas de "O Militante" e os compañeiros do Sindicato de Estudantes organizamos unha serie de actos públicos baixo o título de "Unha alternativa marxista á crise capitalista".
Os actos celebráronse nas seguintes cidades: Santiago de Compostela, Vigo, Ferrol, Lugo e A Coruña, amosando a crecente implantación de ambas as dúas organizacións en Galiza.
Máis de 120 persoas, estudantes tanto de ensino media coma de universidade e traballadores de distintos sectores, asistiron ás 5 charlas. Moitos dos asistentes felicitaron os organizadores e expresáronlles o seu acordo coas ideas defendidas.
Os relatores explicaron de forma didáctica e profunda as orixes da crise, o período histórico no que nos atopamos, a auxe internacional da loita de clases que vivimos e a necesidade de loitar por unha alternativa xenuinamente socialista no seo das organizacións da clase obreira. As condicións obxectivas para que unha alternativa anticapitalista gañase un apoio de millóns, aquí e agora, son excepcionais, se os dirixentes sindicais abrazasen ese programa. Por iso, organizar aos traballadores máis combativos dentro dos sindicatos e armalos politicamente, é a tarefa máis importante nestes momentos.
O debate amosou o desexo de boa parte dos asistentes por afondar en aspectos clave, tales como o funcionamento dunha economía planificada, o proceso de toma de conciencia, como loitar contra a burocracia sindical, etc. A crítica á actuación dos dirixentes políticos e sindicais das organizacións maioritarias da esquerda foi unha constante nas intervencións dos asistentes.
Ao finalizar os actos, un alto número de persoas deixaron os seus datos para afiliarse ao Sindicato de Estudantes.