Os estudantes da clase traballadora enfrontámonos ó maior ataque educativo desde a Transición.
Os Plans de Boloña véndesenos como unha “modernización” da universidade e a oportunidade de estudar en calquera país dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Os estudantes da clase traballadora enfrontámonos ó maior ataque educativo desde a Transición.
Os Plans de Boloña véndesenos como unha “modernización” da universidade e a oportunidade de estudar en calquera país dentro do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Con todo, tras esa cortina de fume escóndese algo moi diferente: un paso decisivo no proceso de privatización e elitización da universidade pública.

Graos, postgraos e créditos brandos.

En primeiro lugar, coa aplicación de Boloña desaparecen as actuais licenciaturas, que se converterán en graos, que serán de catro anos. Éste será un título devaluado no mercado laboral xa que o que realmente será esixido polos empresarios será o posgrao, para o que haberá que pasar unha proba de acceso (entrevista ou exame) e cuxos prezos serán superiores ós 2.000 euros. Ademais, no canto de bolsas dignas para que os fillos dos traballadores podamos acceder á universidade, ofrécennos créditos brandos que só servirán para enriquecer á banca. A consecuencia será unha traba económica moi severa (o postgrao) e licenciados endebedados coa banca.

Créditos ECTS e eliminación de carreiras.

Por outra banda, xa están en vigor os créditos ECTS, que corresponden a unhas 10 horas lectivas, pero nas que se inclúen ademais o estudo persoal en casa, as horas na biblioteca... polo que se nos cobrará por estar estudando na casa!
Por termo medio, os créditos ECTS equivalerán a 40 horas semanais de estudo (lectivas e non lectivas), é dicir, unha xornada laboral, dificultando aínda máis a situación dos estudantes que temos que compaxinar traballo e estudos para poder custearnos a carreira. O que se quere é expulsar do sistema educativo a todos aqueles que non poidan permitirse estudar a tempo completo.
A todo isto hai que sumar que se levará a cabo unha reestruturación das titulacións, eliminando aquelas que non sexan rendibles para o mercado e fusionando outras, coa conseguinte perda de coñecementos, como é o caso máis que probable das filoloxías e Xeografía en Compostela. Desde o Sindicato de Estudantes opómonos a calquera modificación das carreiras que non sexa acordada entre profesores, sindicatos e estudantes elaborada sobre criterios racionais e científicos.

E chove sobre mollado. O Estado español atópase á cola dos países desenvolvidos en gasto na universidade pública (0,9% do PIB)... a porcentaxe de bolseiros é o máis baixo da Unión Europea (15% fronte ao 40% da UE), tamén no gasto por alumno (8.020 dólares por alumno fronte ós 23.714 de Suíza ou os 20.545 de Estados Unidos). E desde logo, do que non se falou en ningún momento é de converxer con Europa en gasto educativo e bolsas... Esa é a converxencia que necesitamos!
En definitiva, os Plans de Boloña perseguen impedir o acceso á universidade á maior parte dos fillos dos traballadores. Deste xeito, poden recurtar gasto público no ensino, na liña dos recortes sociais (pensións, sanidade, subsidio de desemprego...) que están a acontecer en tódolos países de Europa. Queren volver ós vellos tempos nos que só estudaban os fillos dos ricos.

Precisamos un plan de mobilizacións xa!

Ata o de agora sucedéronse varias xuntanzas, especialmente en Historia, cunha grande participación. Isto amosa a disposición á loita dos estudantes. Pero cometeríamos un erro moi importante se non comezamos a mobilizarnos inmediatamente. Corremos un serio risco de difuminar este bo ambiente de loita se non fixamos urxentemente un calendario de folgas. Agora o que toca é saír á rúa. A maior parte dos estudantes aínda non coñecen en que consisten os plans de Boloña. Unha primeira folga, ben convocada, con asembleas polas facultades, con propaganda abondo e piquetes, daría a coñecer os plans masivamente.
Desde o Sindicato de Estudantes animamos a todo o estudantado a asistir a asemblea xeral convocada o vindeiro martes ás 14:30 horas na facultade de Maxisterio.
Na nosa opinión, nesta asemblea temos que aprobar un calendario de folgas como primeiro paso.
E o certo é que o mércores 31, os compañeiros dos CAF teñen convocada unha folga en tódolos campus de Galiza. O motivo da folga é a suba das taxas. Éstas subiron máis de 120 euros de media en cinco anos, moito máis que os salarios dos nosos pais e nais. Dende logo é un motivo para mobilizarse. Máis neste momento, nós pensamos que dita folga ten que recoller tamén, en primeiro plano, a reivindicación da paralización inmediata da contrarreforma de Boloña.
O Sindicato de Estudantes propón á Asemblea Xeral de estudantes que se secunde masivamente a folga do día 31, incorporando como reivindicación central a oposición ós Plans de Boloña.
Pero ademais, pensamos que este debe ser só o pistoletazo de saída. Pensamos que trala folga do 31, cómpre organizar xuntanzas en tódalas facultades para informar sobre Boloña, facer un balance da mobilización e preparar os seguintes pasos. Propoñemos a tódolos estudantes a convocatoria dunha segunda xornada de folga para o mércores 14 de novembro.
Pensamos que podemos gañar esta loita. Pero para isto precisamos dunha estratexia clara. Ésta debe pasar por mobilizacións in crescendo; cada folga debe ser superior á anterior. Extensión da folga a toda Galiza, folga conxunta de estudantado e profesorado, extensión ó ensino medio, ó conxunto do Estado, e incluso a nivel europeo.

Gañar o apoio do movemento obreiro
A clave para a vitoria é conseguir as simpatías dos traballadores para a nosa loita. Temos que forzar ó BNG e o PSdeG a posicionarse con respecto a Boloña. Se din que nos apoian, teñen que mobilizarse claramente connosco. Temos que presionar ás direccións de CC.OO, CIG e UXT para que convoquen una gran manifestación pola tarde connosco, chamando ós traballadores a participar nela e organizando xuntanzas conxuntas de estudantes e traballadores sobre o Plan Boloña nas grandes fábricas do país. Os traballadores e traballadoras estarán dispostos a loitar para que os seus fillos poidamos acceder á universidade. Un movemento destas características suporía unha enorme presión para o Goberno Central e a Xunta, e evidenciaría que non están gobernando para a súa base electoral, se non que se están a pregar ás presións da burguesía.

Estas son as propostas que a nosa organización quere facer ó conxunto do estudantado para a súa discusión. Pero pensamos, ademais, que para a defensa dos nosos intereses temos que organizarnos. Se estás de acordo co que plantexamos, animámoste firmemente a que te organices con nós e nos axudes a construír en tódalas facultades o Sindicato de Estudantes, a organización dos fillos dos traballadores.

  • Non ó Plan Boloña!
  • Folga Xeral Xa!
  • 2% do PIB para a Universidade Pública
  • Universidade pública, gratuíta, científica e de calidade para os fillos dos traballadores.

Hoja del Sindicato de Estudiantes distribuida el pasado 16 de octubre

Como loitar contra Boloña

O xoves pasado tivo lugar unha masiva asemblea de estudantes na facultade de Historia, para discutir en que consisten os plans de Boloña e como loitar contra a súa aplicación. O cabreo e a disposición a loitar eran evidentes. Todo indica que podemos estar ante un novo estoupido na universidade de Compostela, similar ó de 2001, en contra da LOU.
A esencia dos plans de Boloña é o intento por parte da burguesía por recortar gasto social. Queren botar fóra do Ensino Superior a milleiros de estudantes de clase obreira, quenes teremos enormes dificultades para nos costear o “Master” que esixe Boloña. Á burguesía sóbranlle licenciados.

Os fillos dos traballadores xogámonos moito desta volta. Organizar a loita para gañar, e non repetir os erros do pasado é esencial.

Propostas:

1-Sumarnos á convocatoria de folga que plantexan os CAF para o día 31.
O motivo da folga, a suba das taxas, é totalmente correcto. Ademais, propoñemos ampliar a plataforma reivindicativa incorporando a paralización da contrarreforma de Boloña, e convocar unha manifestación de estudantes.

2-Claridade nos obxectivos.
Loitamos para impedir a aplicación no estado español da contrarreforma, non para “mitigala” nin para “ralentiza-la súa aplicación”. Esiximos gratuidade total da universidade para os fillos dos traballadores. 2% do PIB para a universidade pública.

3-Organizarnos correctamente.
O conxunto dos estudantes non poden participar diariamente en asembleas maratonianas. É preciso a formación, a man alzada, dun Comité de Folga, en cada facultade, formada por aqueles estudantes dispostos a organiza-la loita. Ese comité ten que ser revocable pola propia asemblea en todo momento. Os diferentes comités de folga deben elixir un comité de folga central, de toda a USC. O papel dos comités será o de executar as propostas aprobadas nas asembleas, que deberán xuntarse unha vez á semana. O comité ten o deber de prepara-la estratexia e sometela a votación na asemblea. Non se pode improvisar un plan de loita en cada asemblea. Hai que aprobar un calendario firme de mobilizacións.

4-Extensión e unificación da loita.
Preparar as seguintes mobilizacións. O movemento ten que ir in crescendo. Extensión e formación de comités de folga en tódalas facultades de compostela, extensión ós outros campus de Galiza, extensión ó ensino medio, extensión ó resto das universidades do estado. Ó tratarse dun ataque estatal, só pararémolo cunha loita estatal.

5-confluir co movemento obreiro.
Galiza vive un auxe folguístico. O que máis teme o goberno central é o contaxio ó movemento obreiro. Debemos esixir ós dirixentes da CIG, CC.OO. e UXT, apoio total a mobilización. Repartos de propaganda no mercado e no polígono industrial, solicitar envío de resolucións por parte dos comités de empresa, etc.

Convidámosvos a unha Xuntanza do S.E. o vindeiro luns 22, ás 13:00 horas,
na áula 12, para discutir estas propostas.